Palestina a debate nas eleccións galegas
- As representantes das candidaturas galegas debatiron a grave situación creada en Palestina polos ataques de Israel.

As diferentes candidaturas foron convidadas por BDS Galiza, que fai parte do movemento internacional BDS Movement (Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel). O debate, que durou 2 horas tivo lugar na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
Participaron a número tres do PSdG-PSOE pola provincia da Coruña, Silvia Longueira, Duarte Correa polo BNG, Javier Garcia por Podemos, Manuel Moure Pérez por Sumar e Rafael Manuel Fernández Alonso de Por un Mundo Máis Xusto. O Partido Popular de Galicia tamén foi convidado, pero non enviou representación.
As persoas candidatas manifestaron as posturas dos seus partidos en temas como a libre autodeterminación do pobo palestino, o dereito de retorno ou o apoio ao Movemento BDS.
Entre o público algunhas persoas de procedencia palestina fixeron preguntas ás candidatas desde a súa experiencia coma parte da diáspora, neste caso, no noso país.
O debate centrouse nas perspectivas de cada unha das cinco candidaturas sobre a sitación actual en Palestina, e os compromisos cara ela. Todos os partidos recoñeceron o horror que se está a vivir en Gaza. Tanto o BNG, como Sumar e Podemos, comprometéronse a romper os acordos académicos con Israel como medida de bloqueo, en caso de que gañasen as súas candidaturas.
Os tres partidos comprometéronse a poñer máis atención na cobertura da guerra contra Palestina por parte da RTVG. Concluíron que, coas competencias do goberno galego, non podía facerse moito máis que algunha declaración institucional e medidas de concienciación.
Ao longo desta semana, publicaranse nas redes sociais de BDS Galiza os resumos da postura de cada unha das candidaturas que asistiu ao debate.

ACERCA DE BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións):
BDS é a maior coalición da sociedade civil palestina dende 2005 pola LIBERDADE, a XUSTIZA e a IGUALDADE en resposta aos 76 anos de opresión israelí baixo un rexime de apartheid, limpeza étnica, ocupación e xenocidio.
Inspirado no movemento anti-apartheid sudafricano, BDS insta a presionar a Israel de maneira non violenta para que respete o dereito internacional e poñendo fin á ocupación, recoñecendo a plena igualdade das palestinas cidadás de Israel e respeitando o dereito de retorno das persoas palestinas refuxiadas, como estipula a ONU.