O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas lanza unha campaña para denunciar a situación de urxencia do SAF
Reclaman orzamentos e persoal suficiente para garantir unha atención digna á dependencia.
O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG vai iniciar unha campaña pra reclamar un Servizo de Axuda no Fogar adecuado, dotado con orzamentos e persoal suficiente e que responda ás necesidades de apoio que teñen as persoas dependentes e as súas familias. Con este obxectivo, a central sindical segue a demandar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos públicos, incluído o SAF, «para que as persoas dependentes poidan ter cubertas as súas necesidades en condicións dignas e de xustiza social».
Para dar máis visibilidade ás súas demandas, realizaranse mobilizacións con carácter mensual nas sete comarcas. As primeiras serán o 27 de febreiro nos seguintes lugares e horarios:
- A Coruña: ás 11h no edificio da Xunta de Monelos (Praza de Luís Seoane)
- Ferrol: ás 12h no edificio da Xunta (Praza Amada García)
- Compostela: ás 11h, no complexo administrativo de San Caetano
- Lugo: ás 12h, no edificio multiusos da Xunta (Ronda da Muralla)
- Ourense: ás 11.30h, no edificio da Xunta (Casa de chocolate)
- Pontevedra: ás 11.30h, no edificio da Xunta en Campolongo
- Vigo: ás 11h, no edificio da Xunta (Praza da Estrela)
Un servizo derivado aos Concellos, privatizado e con escasos recursos
Para o Colectivo da CIG, o Servizo de Axuda no Fogar «é unha cuestión urxente» porque na situación actual non pode cumprir as funcións para as que foi creado. «Este servizo debe de ser de xestión pública directa, debe prestalo a Xunta e non derivalo aos concellos sen o financiamento necesario. Cómpre, ademais, que todos os actuais Servizos de Axuda no Fogar se incorporen nese Sistema Público e iniciar a negociación cos axentes sociais dun convenio colectivo único que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas para as traballadoras».
A atención a domicilio é unha competencia da Xunta de Galiza cuxa prestación derivou aos concellos. Por esta razón existen múltiples modelos de xestión, aínda que na maioría dos casos estes servizos están externalizados e son prestados por empresas privadas, «o que supón grandes problemas na prestación da atención».
A isto súmanse a baixa dotación orzamentaria por parte da Xunta e uns cadros de persoal insuficientes que provocan unha sobrecarga de traballo «que redunda negativamente nas persoas usuarias -que non reciben a atención axeitada- e nas traballadoras (a maioría mulleres), que soportan o peso de asumir moitas tarefas en pouco tempo».
As condicións laborais nestes servizos, ademais, son precarias e o persoal non está xustamente retribuído. «Trátase de administrar coidados, unha tarefa xa de por si pouco valorizada, pero que supón unha enorme responsabilidade, importantes esforzos físicos e emocionais e mesmo grandes riscos para a saúde. E todo isto non se ve compensado, dado que teñen un salario dos máis baixos do mercado laboral», alertan.
O Colectivo da CIG tamén está á expectativa dos cambios anunciados polo Goberno estatal nas leis de dependencia e discapacidade, que tamén afectarán ao SAF, aínda que xa advirte que sen incrementar o financiamento non se poden garantir os dereitos e que dará a oportuna contestación no caso de considerar insuficiente a reforma.
Urxe unha resposta social ampla e coordinada
As graves carencias existentes na atención á dependencia e ás persoas maiores convertéronse agora nunha «emerxencia» por mor das modificacións lexislativas introducidas pola Xunta de Galiza, que suporán máis recorte de dereitos e máis privatizacións. Este alarmante deterioro na prestación asistencial, obriga a organizar unha resposta social conxunta que agrupe a organizacións e entidades de todos os ámbitos na defensa dun sistema público galego de atención ás persoas.
Non hai que esquecer que o tempo de espera en Galiza dende a solicitude da dependencia até que se ten a resolución da prestación é superior a un ano; hai máis de 2.500 persoas agardando por unha prestación -a maioría delas esperan máis de seis meses-; e (segundo os datos do IMSERSO) entre 2020 e 2024, no noso país faleceron case 2.000 persoas na lista de espera da dependencia. Unhas cifras inhumanas e inadmisíbeis.
En canto á dotación de servizos, o peso das prazas públicas é mínimo: dos 286 centros residenciais que hai en Galiza (que suman un total de 21.952 prazas), só 71 son públicas, sumando 5.061 prazas. Ademais, o total de prazas de residencias non acada máis que o 3,5% de persoas maiores de 65 anos da Galiza. Algo que queda moi lonxe do 5% que a OMS recomenda como mínimo. Isto sucede nun país que ten máis dun cuarto da poboación maior de 65 anos. Algo similar ocorre cos centros de día: non hai nin sequera un centro de día por cada concello. E dos 252 centros de día existentes, só 97 son públicos.
O ataque permanente do Goberno do PP na Xunta debe enfrontarse cunha resposta o máis ampla e contundente posíbel, capaz de mobilizar a toda a sociedade galega na reivindicación duns servizos públicos dignos e de calidade, con recursos suficientes e a dotación de persoal adecuada.