Redacción •  Galicia •  12/03/2021

BNG acada o “apoio unánime” da Cámara galega para que a Xunta presente recurso contra a sentenza do Pazo de Meirás

  • Luís Bará afirma que a mobilización social e política conseguiu “dobrar o brazo” do goberno central e da Xunta contra a sentenza para indemnizar á familia Franco.
  • Tilda a sentenza de “insoportable tufo franquista”.
BNG acada o “apoio unánime” da Cámara galega para que a Xunta presente recurso contra a sentenza do Pazo de Meirás

BNG, a través do seu deputado, Luís Bará acadou o apoio unánime da Cámara galega para que a Xunta presente recurso contra a sentenza do Pazo de Meirás.

Acordo unánime á iniciativa do BNG

A resolución do Parlamento establece:  “Apoiar e demandar que a Administración Xeral do Estado así como a Xunta de Galiza interpoñan os recursos oportunos contra a sentenza  da Audiencia provincial de A Coruña, no relativo á condición e liquidación posesoria de boa fe, así como no seu caso, ao personamento como partes recorridas en defensa dos restantes pronunciamentos da parte dispositiva da sentenza. Todo isto en concordancia co acordo do Pleno do Parlamento de 11 de xullo de 2018, a prol da recuperación do Pazo de Meirás  para o patrimonio público e de que a mesma non supoña un novo custo para o pobo galego, evitando que os herdeiros do espolio obteñan ningún beneficio económico do mesmo”.

Na defensa da proposición non de lei, Bará   lembrou que onte mesmo o goberno central “rectificou” e presentará recurso contra a  sentenza. Para o deputado, o anuncio é  “unha vitoria democrática do pobo galego” e un claro exemplo do resultado da mobilización social e da presión política para  “dobrarlle o brazo a Xunta e ao goberno central” que, inicialmente non tiñan previsto recorrer.

Galiza non vai volver pagar polo roubado

Dende o BNG, dixo o deputado aplaudimos esta rectificación produto da mobilización do pobo galego, dos colectivos memorialistas e de Iniciativa Galega pola memoria ao que sumou o traballo do historiador nacionalista, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo e do  manifesto  “Volver pagar polo roubado, unha sentenza inasumible para un estado democrático” que nunha semana recolleu máis de tres mil apoios. Dende esta tribuna, recalcou  Bará queremos amosar o noso “apoio, agradecemento e gratitude” a Carlos Babío e a Pérez Lorenzo polo seu traballo para “gañar “esta batalla”. De maneira especial, engadiu, Bará, queremos transmitir a Carlos Babío o noso apoio tras ser denunciado, por vía civil e vía penal, pola Familia Franco  dun delito de inxurias e calumnias, “todos e todas somos Carlos Babío” pero tamén os 19 do Pazo de Meirás  para os que piden máis de 300 anos de cárcere, indicou.

As persoas que se mobilizaron están sentadas no banco dos acusados e “os ladróns marchan de rositas” e aínda pretenden unha indemnización, “o mundo ao revés”, ironizou.

Unha sentenza que desprende un “insoportable tufo franquista”

A cuestión, explicou o deputado  non é recuperar un pazo, trátase de recuperar a “dignidade colectiva do pobo galego” e Meirás é un símbolo que transmite dor e sufrimento, representa “un lugar do franquismo, do terror, da extorsión, chantaxe” e temos que pensar en restaurar a memoria e a honra das vítimas. Como símbolo tamén representa a “impunidade” permitida pola transición durante case 45 anos. Unha transición “tan modélica” que mesmo concedeu títulos á familia Franco que aínda seguen en vigor e que os  diferentes gobernos do estado non foron capaces  de botalos abaixo.

A sentenza, recalcou Bará,  desprende “un insoportable tufo franquista” e para xustificar que o pazo foi doado á persoa de Francisco Franco e non ao xefe do Estado, os maxistrados escriben: “el apelativo de caudillo se le aplicaba a él y a nadie más y se le presenta como un enviado de Dios, mensajero divino no puede ser el estado ni la Administración General del Estado, es una persona física”. Non podemos aceptar este relato porque ten consecuencias xurídicas ao non determinar mala fe posesoria do ditador e a súa descendencia.

Bará louvou o traballo realizado polos concellos de Sada e A Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta pro Devolución e á Iniciativa pola memoria, porque  “grazas a eles estamos hoxe aquí e defendendo  presentar un recurso para gañar definitivamente esta batalla”.


Pazo de Meirás /