Ana Pontón pide retirar o POEM, un “golpe mortal” para a pesca galega
- Critica conivencia entre Xunta e goberno do Estado para que o lobby eléctrico siga facendo caixa.
- Afirma que o novo Plan de Ordenación de Espazo Marítimo (POEM) busca instalar nas costas galegas a metade da enerxía eólica do Estado e pide retiralo para non seguir prexudicando a un sector xa gravemente afectado.
- Lembra que nos lugares onde foron instalados parques eólicos mariños o resultado foi “nefasto” e volveu a reclamar que Galiza sexa un “territorio libre de eólica mariña”.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón asistiu á concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Pesca e contra o plan do Goberno español de instalar parques eólicos nas costas galegas.
A líder do BNG criticou a conivencia da Xunta e o Goberno do Estado sobre o deseño eólico mariño e asegurou que o novo POEM asestará “un golpe mortal” á pesca e marisqueo coa única razón de seguir beneficiando ao lobby eléctrico para que siga “facendo caixa”.
Non podemos permitir que isto ocorra, recalcou, o novo Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) debe ser retirado de inmediato. O BNG está hoxe nesta concentración para apoiar ao sector pesqueiro e marisqueiro galego, para defender o futuro de miles de familias neste País que viven do seu traballo no mar e que teñen dereito a poder seguir vivindo desa actividade.
“Por iso o BNG está aquí, para apoiar ao noso sector pesqueiro e marisqueiro, á xente que vive do mar fronte á rapiña do lobby eléctrico que quere facer caixa co noso vento, na terra e agora tamén no mar”.
Neste momento, dixo a nacionalista, o Goberno do Estado, co silencio cómplice do Goberno da Xunta, pretende instalar o 43% da eólica mariña nas costas galegas. Estamos falando de 2.200 quilómetros cadrados de costa para a eólica mariña, “o 43% do total de todo o Estado” coa perda de miles de postos de traballos directos e indirectos nun sector estratéxico para Galiza.
Segundo os datos solicitados pola Xunta ao departamento de Economía aplicada da USC do ano 2019, explicou, “ a pesca representa case o 2% de todo o PIB de Galiza e 31.000 postos de traballo directos”. Se nos referimos ao sector do mar (pesca, marisqueo, miticultura, piscicultura e conserva) esta cifra hai que incrementala porque supón “o 4,8% do PIB galego, cunha facturación de cerca de 12.000 millóns de euros e 64.000 postos de traballo directos”.
Isto é do que estamos falando, isto é o que está en xogo cos plans de eólica mariña anunciados polo Goberno central e insistiu en que xa temos un país cheo de encoros, 4.000 muíños de vento nos nosos montes e proxectados moitos máis. E agora, queren que soportemos “case a metade de todos os aeroxeneradores da eólica mariña”
Galiza non é a colonia enerxética de Madrid
“Xa está ben. Xa está ben de espolio eólico, xa está ben de querer converter Galiza nunha colonia enerxética de Madrid. Xa está ben que Galiza, o noso monte a agora o noso mar, teña que pagar todos os custes ambientais, os custes económicos e sociais de producir enerxía e non recibir nada a cambio” enfatizou a portavoz nacionalista.
Desde o BNG sumámonos ás peticións do sector pesqueiro galego que se está xogando o seu futuro e solicitamos: Retirar, de inmediato, os plans de eólica mariña do Goberno central. Declarar a costa galega zona excluída de eólica mariña, para garantir o futuro do sector pesqueiro, porque as características da plataforma continental galega fan que “a pesca e a eólica mariña sexan incompatibles” e dada esta incompatibilidade, “preservar os sector pesqueiro e as miles de familias que viven no mar”
A portavoz nacionalista, tamén reclamou que o Parlamento galego retorne ao consenso unánime de 2009, para deixar “Galiza libre de eólica mariña” porque esa petición sigue sendo igual de válida.
Non pode ser que a aposta polas enerxías limpas,” que o BNG apoia totalmente”, se faga a costa de destruír os nosos sectores produtivos.
Indemnizacións ao sector a cambio de instalar eólicos no mar?
O propio sector (a través do presidente das confrarías) deixou claro que o sector non se vende por subvencións e que o que quere e seguir traballando, puntualizou.
Na concentración a favor da Pesca e contra o espolio eólico mariño, Pontón participou xunto á eurodeputada, Ana Miranda, Néstor Rego, deputado no Congreso, a deputada e portavoz de pesca nacionalista, Rosana Pérez, a deputada, Mercedes Queixas e o portavoz municipal, Francisco Jorquera ademais de membros da Executiva Nacional do BNG e candidaturas da provincia coruñesa.