Persoal das auxiliares de Inditex mobilízase por unhas condicións salariais dignas
- Traballadoras/es de Sodexo, Samsic e Veolia concentráronse ás portas da sede da multinacional en Arteixo.

Persoal de Sodexo, Samsic e Veolia (tres das principais contratas de Inditex que agrupan a unhas 300 persoas) concentráronse este venres diante de sede da multinacional para reclamar condicións salariais dignas e defender os seus dereitos.
A protesta prodúcese no marco da renovación dos acordos de melloras que operan nestas contratas, que prestan servizos imprescindíbeis para o funcionamento diario das instalacións de Inditex, como son os comedores (Sodexo), a limpeza (Samsic) e o mantemento (Veolia).
Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, explica que nun primeiro momento tentouse unha negociación conxunta con todas as contratras, pero as empresas pecháronse en banda a esta posibilidade. As negociacións, xa que logo, desenvólvense por separado con cada auxiliar pero as melloras salariais que ofrecen «son ridículas”.
Diante disto, o persoal acordou mobilizarse diante de Inditex, xa que é para a multinacional para quen prestan servizos e é Inditex quen determina os orzamentos das súas contratas. “Cando Inditex presenta as contas presume que a media do salario na compañía é moi elevada, pero non ten en conta os salarios de todo o persoal que está nestas contratas”, subliña Pérez.
Apunta que o traballo que realizan as traballadoras e traballadores destas empresas está externalizado co único obxectivo de precarizar as condicións e abaratar custos salariais, porque as tarefas que fan “son imprescindíbeis para que as instalacións abran cada día”. Destaca que a maioría do persoal destas auxiliares “é máis veterano que a media de persoas que traballa directamente para Inditex, pero os seus salarios están polas táboas dos convenios provinciais de referencia”.
Por iso, nun contexto de beneficios mil millonarios e en constante expansión do grupo Inditex, as traballadoras e traballadores das auxiliares non están en disposición de asumir unhas condicións laborais e salariais de precariedade, como evidenciou a alta participación na concentración deste venres.
“Merecemos chegar a fin de mes. Non pedimos máis que un salario e condicións acordes coa gran empresa para a que traballamos”, aseveraron. E neste sentido, de non producírense avances substanciais na negociación, as asembleas de persoal xa abordaron a posibilidade ir a unha convocatoria de folga.