Redacción •  Galicia •  12/05/2021

Amigos da Terra lanza unha guía para impulsar o desenvolvemento da enerxía comunitaria

O proxecto, en formato microsite ten o obxectivo de ofrecer unha información práctica e pormenorizada ás persoas e colectivos que queiran crear unha comunidade enerxética para producir enerxía renovable.

Amigos da Terra lanza unha guía para impulsar o desenvolvemento da enerxía comunitaria

As comunidades enerxéticas están empezando a coller forza ao ancho e longo do territorio, pero aínda queda un longo camiño que percorrer para a súa implantación en gran parte dos municipios españois. Estas son unha peza clave para avanzar na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, así como para a implantación de enerxías renovables descentralizadas a través dunha participación democrática, contribuíndo a xerar comunidades resilientes, indispensables na adaptación ao cambio climático. Neste sentido, a cidadanía está sendo realmente a pioneira e a impulsora desta nova concepción da produción e a xestión da enerxía.

Malia o seu potencial, as trabas burocráticas coas que se atopa a poboación para poder constituír unha comunidade enerxética adoitan frear e complicar a súa creación. Do mesmo xeito, as eleccións que se teñen que ir tomando como a forma xurídica, os obxectivos do proxecto ou o tipo de enerxía renovable, entre outras cuestións, tamén dificultan o proceso. Por este motivo, lanzamos esta guía onde paso a paso explicamos o camiño a seguir para conformar unha comunidade deste tipo e non perderse nunha carreira de obstáculos.

Na guía, oriéntase á cidadanía sobre como elixir a forma xurídica máis adecuada na creación da súa comunidade, como contactar coa administración responsable no seu municipio, así como sobre os posibles financiamentos das que dispón ou os impedimentos máis comúns e como sortealos. Os pasos poden seguirse na microsite que conta coa información máis completa explicada dunha forma comprensible e dinámica para facilitar todo o proceso na medida do posible.

“A necesidade de afrontar o reto de actuar fronte á urxencia climática por parte do conxunto das administracións e axentes sociais, e ademais realizalo de forma equitativa e xusta fai da enerxía comunitaria e as comunidades enerxéticas unha ferramenta de transformación ambiental e social. Esperamos que esta guía contribúa a impulsalas por toda a xeografía”, sinala Cristina Alonso Saavedra, responsable de Xustiza climática e enerxía de Amigos da Terra.

A proliferación das comunidades enerxéticas é unha oportunidade para loitar contra a pobreza enerxética, diminuír as emisións, incidir na participación das mulleres e de colectivos vulnerables e infrarrepresentados, como vectores do cambio que a sociedade require ante a crise ecolóxica, e todo isto ao mesmo tempo que se reforza o tecido produtivo local. A cidadanía soubo ler a súa importancia, así que urxe por parte das administracións regular o seu funcionamento e promover a súa implementación de xeito ordenado, eficiente e equitativa.

O Goberno debe traspoñer a Directiva Europea REDII a finais do mes próximo, iso xunto co aumento de fondos destinados á Transición ecolóxica nos PGE para 2021 corresponden unha oportunidade única para a transición ecolóxica que España necesita. Neste sentido, son necesarios obxectivos vinculantes e medidas concretas de impulso das comunidades enerxéticas.

Desde Amigos da Terra levamos anos traballando para impulsar a enerxía comunitaria co fin de poñer a enerxía renovable en mans das comunidades e da cidadanía, restando poder á industria dos combustibles fósiles e promovendo unha transformación profunda do sistema enerxético sen poñer en perigo os límites naturais do planeta nin a seguridade de subministración.


Amigos da Terra /