Redacción •  Galicia •  12/08/2023

O BNG denuncia ao Goberno do PP por “obstaculizar” o acceso dos deputados e das deputadas á información á que teñen dereito

  • O deputado Daniel Castro acusa á Xunta de “comportamento pouco democrático” ao impedir o acceso do grupo parlamentar á documentación.
  • Critica a reincidencia do Goberno galego na falta de transparencia logo do apercibimento feito pola Valedora do Pobo tralas queixas do Bloque.
O BNG denuncia ao Goberno do PP por “obstaculizar” o acceso dos deputados e das deputadas á información á que teñen dereito

O deputado do BNG Daniel Castro acusa ao Goberno do PP de “falta de transparencia” e de “obstaculizar” o labor dos deputados e deputadas do BNG á información á que teñen dereito en base ao artigo 9 do Regulamento do Parlamento de Galiza.

“A Xunta incumpre sistematicamente o Regulamento porque segue sen entregar moita da documentación que se lle require, habendo hoxe máis dun centenar de solicitudes sen resposta”, apunta Castro, que critica tamén que naqueles casos nos que si hai resposta “a miúdo falta transparencia” porque non se atende ao que realmente solicitan os deputados, dificultando así o seu traballo como representantes do pobo.

Esta non é a primeira vez que o BNG ten denunciado o “comportamento pouco democrático” do Goberno do PP no que se refire ao acceso á información. De feito, o Bloque xa presentou no mes de febreiro unha queixa formal ante a Valedora do Pobo, que nunha resolución do pasado mes de xuño dirixiuse á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia advertindo que non se proporcionara a información “nun bo número das iniciativas” presentadas e lembrándolle que “o acceso das deputadas e os deputados do Parlamento de Galiza á información pública é un dereito fundamental derivado da representación política que ostentan e do exercicio do cargo representativo”.

Previamente, no mes de abril, a Valedora se tiña dirixido tamén á Xunta para requirirlle información solicitada polo Bloque.

Daniel Castro denuncia agora que, aínda que aumentou o número de solicitudes contestadas por parte do Goberno do PP ao Bloque, “en moitas ocasións falla a calidade das respostas, porque ou nos remiten a algún enlace de páxinas web que non aportan nada, ou a información que facilitan non é a solicitada ou incluso nas súas respostas chegan a poñernos deberes os deputados e deputadas”, lamenta.

Entre as cuestións ás que a Xunta non deu resposta, esta foi insuficiente ou “pouco transparente” figura por exemplo a documentación solicitada polo Bloque sobre os contratos publicitarios e as cantidades destinadas aos mesmos de Sogama nos anos 2019, 2020 e 2021. O mesmo sucede coa solicitude de información sobre os parques eólicos previstos en Rede Natura o aqueloutros fora da área de desenvolvemento eólico (ADE) con información da Administración galega e aqueles de competencia do Goberno central que foron inicialmente informados negativamente e posteriormente de maneira favorable. Neste último caso, a Xunta, na súa resposta, chega a emprazar ao deputado do Bloque que reclamou a información a xestionar unha cita previa a través dun número de teléfono “indicando os expedientes concretos que desexa solicitar”.

“Como deputadas e deputadas e representantes do pobo temos dereito a solicitar todo tipo de documentación e a Xunta ten a obriga de fornecernos a información de xeito claro, rápido e transparente”, advirte Daniel Castro.


derecho a la información /