A CIG reclama ao conselleiro de Facenda un Plan Industrial para recuperar o emprego estábel e de calidade que Galiza necesita
- “Corgos presenta uns orzamentos continuístas e onde non o son non recollen medidas para atallar os problemas reais e actuais da sociedade galega”
A CIG vén de reclamar, na xuntanza convocada polo conselleiro de Facenda para presentar os orzamentos da Xunta para 2025, medidas para paliar a perda de poder adquisitivo das galegas e galegos; un Plan Industrial para recuperar o emprego estábel e de calidade que Galiza necesita; partidas orzamentarias suficientes para reverter a grave situación na que se atopan servizos públicos como a Sanidade, o Ensino ou a Dependencia e medidas para enfrontar o grave problema da vivenda, entre outras cuestións.
Para a secretaria de Organización, Susana Méndez, os orzamentos presentados por Corgos son “continuístas” e onde non o son “non recollen medidas para atallar os problemas reais e actuais da sociedade galega”.
Así o valorou nunha xuntanza “convocada dun día para outro”, á que as organizacións sindicais acudiron sen contar con ningún tipo de documento previo “como mínimo, das liñas xerais dos orzamentos”, na que afeou que a consellaría pretenda que “valoremos uns orzamentos que non coñecemos, máis que as catro cousas que comenta o Conselleiro nesta reunión fugaz”.
Aínda así, na súa intervención, Méndez reclamou un Plan de Choque para frear os efectos “devastadores” da perda de poder adquisitivo da maioría da poboación, salientando a necesidade de recuperar emprego estábel e de calidade, facer fronte á precariedade provocada pola reforma laboral e as políticas que desmantelan os sectores produtivos básicos galegos para entregar os nosos recursos ao gran capital.
Plan Industrial
Nese sentido defendeu a necesidade dun Plan Industrial, que a CIG vén reclamando desde hai anos, que favoreza o peche dos ciclos produtivos no país, e que permita “recuperar o emprego estábel e de calidade que Galiza necesita”. Un outro modelo de política industrial fronte ao do espolio eólico, o de Altri ou o da Mina de Touro.
Así reclamou que se impulse a industria da automoción coa participación directa da Xunta, ou a través de empresas mixtas, na constitución de novos proxectos industriais e que as subvencións e axudas millonarias que se lle dan a Stellantis teñan o compromiso da planta de Vigo da fabricación de novos modelos, para garantir a creación de emprego en todo o tecido industrial, especialmente nas empresas de compoñentes.
Servizos públicos
Respecto dos servizos públicos, denunciou o desmantelamento da sanidade pública, con listas de agarda, en centros de saúde, de até 5 días; o proceso de privatización, que vén de evidenciar o propio Consello de Contas, ou os sobrecustos que provoca o modelo de colaboración público-privada, como no caso do Cunqueiro, que supuxo unha perda de máis de 470 millóns de euros que non se terían perdido se se realizara pola modalidade de contratación pública.
Fixo especial fincapé na situación na que se atopa a atención á dependencia, para a que demandou atención real e non a través de propaganda; menos “bonos-estafa” e máis recursos públicos planificados e xestionados con equidade; a creación dun Servizo Público de Atención ás persoas e recursos para axilizar os procesos de valoración, crear máis residencias e centros de día públicos, e para a atención na propia casa. Xunto a isto considerou absolutamente necesario o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar e a dignificación das condicións de traballo das mulleres que dan servizo no SAF, valorizando axeitadamente os traballos de coidados.
Canto ao Ensino afeou a política de propaganda da que fai gala a consellaría de Educación, denunciou a falta de profesorado no inicio de curso e reclamou a recuperación de dereitos do profesorado. Manifestou, ademais, a preocupación da CIG pola posta en marcha da nova FP Dual e polas condicións nas que o alumnado vai facer as prácticas nas empresas.
Dereito a vivenda
Susana Méndez salientou ademais o problema da vivenda, aspecto que se contempla como novidade nestes orzamentos e para o que considerou que as medidas previstas serán ineficaces para atallar o problema. Asegurou que “non vale agora vir con anuncios de vivendas de promoción pública que se van construír” porque é unha solución a longo prazo e “o problema a xente teno agora”. Lembrou que “non se atopa vivenda en aluguer” e denunciou que a maioría da que hai está destinada a uso turístico ou “ten uns prezos desorbitados”.
No relativo a financiamento Méndez rexeitou as razóns “ideolóxicas ou partidistas” polas que o goberno galego rexeita a oferta de condonación de parte da débeda.