CCOO reclama da Xunta o reforzo do profesorado para garantir a calidade do ensino durante a crise do coronavirus
O sindicato repróchalle ao conselleiro Román Rodríguez que a última mesa sectorial «non achegase nada novo» no medio da segunda vaga da pandemia.
A Federación do Ensino de CCOO de Galicia esíxelle á Xunta de Galicia que reforce profesorado para poder garantir os desdobramentos nas aulas, así como as substitucións que que se vaian producindo polas corentenas. Segundo o sindicato, a falta de efectivos está a provocar «xornadas lectivas superiores ás legais», en moitos casos en dúas horas e media semanais.
A Federación do Ensino de CCOO tamén esixiu un aumento do persoal de limpeza nos centros. Un mes despois do acordo do Consello da Xunta neste sentido, «segue habendo moitas deficiencias» e en varios centros non se cumpre o disposto no protocolo.
En plena segunda vaga da pandemia, CCOO-Ensino repróchalle ao conselleiro Román Rodríguez que «non achegase nada novo» na última mesa sectorial, que tivo lugar o luns. A Xunta limitouse a un «relatorio de datos» e a enumerar «medidas xa tomadas pola Administración».
CCOO-Ensino reiterou o seu compromiso cun «ensino presencial seguro» e demandou unha «dotación centralizada de material de protección», que ademais debe ser «acaído ás funcións» que realizan as traballadoras e traballadores do ámbito.
Saúde laboral
Na mesa sectorial, CCOO tamén denunciou o incumprimento da Lei de prevención de riscos laborais, pediu «celeridade» á hora de avaliar a condición de persoal «especialmente vulnerable» á COVID-19 e instou á realización de probas PCR para o persoal substituto, para o reingresado ou que volve dun permiso longo e para o persoal auxiliar de conversa.
Teletraballo
A Federación do Ensino de CCOO instou a Xunta á retirada do seu plan para un ensino virtual, anunciado aos medios de comunicación antes que aos axentes sociais. Ante a posible volta a un confinamento, o sindicato esixiulle á Consellaría que o teletraballo e a teledocencia sexan negociadas cos sindicatos e con suficiente dotación de medios.