Redacción •  Galicia •  13/02/2023

Miles de persoas toman Compostela contra as políticas sanitarias do PP e en defensa da Atención Primaria

SOS Sanidade Pública denuncia que “os recortes matan” e reclama un novo modelo.

Miles de persoas toman Compostela contra as políticas sanitarias do PP e en defensa da Atención Primaria

A praza do Obradoiro quedou pequena para acoller ás miles de persoas chegadas de toda Galiza para defender a sanidade pública e reclamar unha atención primaria digna. Homes e mulleres que conforman a morea de plataformas locais de SOS Sanidade Pública que se foron creando en cidades e vilas; familias ao completo para demandar desde atención pediátrica para as crianzas, até médicas e médicos abondo nos centros de saúde para que se reduzan as esperas para ter unha cita; veciños e veciñas que exixiron recuperar os seus centros de saúde e persoal para denunciar a saturación e a falta de tempo e medios para garantir unha atención digna.

No acto de remate da mobilización, que foi conducido pola actriz Isabel Risco e no que houbo música e a actuación de AldaoLado, deuse lectura a un manifesto –que de seguido reproducimos-, no que se denuncia a crítica situación na que se atopa a sanidade pública; o perigo de privatización da Atención Primaria, por mor das barreiras de acceso; as consecuencias que isto tería para as persoas con menos recursos e a responsabilidade dos sucesivos gobernos do Partido Popular, polas súas políticas de recortes nos orzamentos.

A plataforma emprazou ademais ao goberno da Xunta a unha negociación real e fixo un chamamento a toda a poboación a manter as mobilizacións de protesta co obxectivo de “recuperar o recortado polo PP e introducir medidas de mellora, mediante a aprobación dun novo modelo de atención primaria, acordado coa participación da poboación e o persoal que traballa nos centros de saúde”.

MANIFESTO

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, damos as grazas a toda a xente que hoxe nos acompaña na Praza do Obradoiro, para dicirlle o PP de Feijoo e de Rueda, como está a Sanidade Real no País. Antes da pandemia da Covid-19, a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con déficit importante de profesionais, debido entre outras causas a non renovación das xubilacións, das baixas e vacacións, provocando ás demoras e masificación na asistencia…pero todo elo: como consecuencia dos recortes nos orzamentos, aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular.

Na actualidade, esta situación de deterioro da Atención Primaria Galega, está alcanzando un punto de inflexión que pode ser irreversible. Continúan os problemas de acceso á asistencia sanitaria, coa hexemonía da consulta telefónica, listas de agarda inaceptables, ausencia de Médicxs e de Pediatras nos Centros de Saúde, e peches das urxencias extrahospitalarias (PACs).

A Consellaría de Sanidade e o SERGAS, lonxe de adoptar medidas para recuperar os Centros de Saúde, aprobaron para este ano uns orzamentos que manteñen un financiamento do 14% do gasto sanitario, que supón a metade do 25% necesario (segundo propón a OMS), e continúa sen poñer en marcha o Plan extraordinario e urxente, necesario para solucionar a falta de persoal sanitario, principal responsable do problema. A Consellaría de Sanidade, propón unicamente uns cambios ínfimos e ridículos na historia clínica ou na remuneración do persoal, que soporta unha situación de desmantelamento e masificación intolerable, pola política sanitaria do PP, e de aqueles que cando gobernan, colócanse ao servizo do capital e das privatizacións. E o de botarlle a culpa o Goberno Central, xa non cola!

As barreiras de acceso á Atención Primaria, favorecen a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, e como consecuencia, un aumento das desigualdades.

Esta situación de masificación das consultas, xunto cas demoras na atención aos doentes, tanto para as primeiras consultas, como para as probas diagnósticas e as intervencións cirúrxicas, teñen consecuencias moi negativas na calidade da atención que reciben ás e ós cidadáns, entre elas o atraso no diagnóstico de múltiples patoloxías. A non atención en AP, provoca o colapso das urxencias hospitalarias. Os últimos informes do Ministerio de Sanidade, reflicten un incremento da mortalidade evitable, non explicable pola Pandemia da Covid. E nós lles dicimos que “os recortes na Sanidade Pública matan”.

Os principais riscos asociados a esta situación, son, que a poboación se adapte a unha Atención Primaria Pública de ínfima calidade e algúns, contratarán uns seguros privados enganosos e lixo (que xa soportan tamén, listas de agarda, recortes de probas e intervencións cirúrxicas) e que o persoal sanitario, farto da precariedade, dos baixos salarios, da presión asistencial excesiva e consultas masificadas, acabe queimado e escapando da Atención Primaria. Todo ísto, suporá o fin dun Modelo de Atención, que, con algúns problemas, garantía unha asistencia sanitaria universal, accesible, equitativa e de calidade a toda a poboación galega. Esta degradación da sanidade pública é unha estratexia deliberada para beneficiar os intereses dos fondos de inversión privados, a costa de suprimirlle un dereito básico á clase traballadora.

Un exemplo claro do que supón a privatización da sanidade, témola nun servizo básico e fundamental coma é o transporte sanitario, tanto urxente coma non urxente. Un transporte sanitario, que fai tempo que debía estar rescatado pola administración. As empresas contratadas polo SERGAS, engordan os seus beneficios, e seguen maltratando ós e ás técnicxs de emerxencias sanitarias das ambulancias, e incumprindo co servizo.

A deterioración na Atención Primaria, fai que se incrementen as demoras na Atención Hospitalaria; así, hoxe temos esperas para unha primeira consulta co/a especialista entre 6-12 meses, así como demoras de máis dun ano en probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas. Por moito que mintan unha e outra vez dende o SERGAS, dicindo unhas cifras que non se corresponden ca Sanidade Real.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, precisamos un cambio necesario da política sanitaria da Xunta, que poña en marcha medidas extraordinarias e urxentes e é polo que esiximos ao SERGAS e o Goberno Galego, o seguinte:

  • Un Plan Extraordinario e Urxente de medidas, para afrontar a crise e o desmantelamento actual da Atención Primaria e do Sistema Sanitario Público en Galicia.
  • O debate e aprobación, polo Parlamento Galego, das propostas da Iniciativa Lexislativa Popular que presentamos dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia.
  • O incremento do orzamento sanitario e do gasto en Atención Primaria ata alcanzar o 25% do total como di a OMS. A volta das Xerencias de Atención Primaria ás diferentes Áreas Sanitarias, así como a recuperación das excluídas por parte do PP. Por en marcha o Consello de Saúde de Área Sanitaria e o Consello de Saúde de Galicia, para dar participación á cidadanía na toma de decisións no eido sanitario.
  • A recuperación das prazas recortadas, dotando de persoal aos Centros de Saúde, PACs e prazas hospitalarias desmanteladas.
  • Un incremento significativo de tódalas categorías profesionais dos Centros de Saúde: Psicólogxs Clínicxs, Logopedas, Fisioterapeutas, Terapeutas Ocupacionais, etc. ca finalidade de dar unha Atención Integral nos Centros de Saúde.
  • Poñer en práctica unha Políticas de Persoal, que favoreza a estabilidade laboral en lugar de contratacións por horas, días ou semanas.
  • Poñer en marcha os Plans Locais de Saúde, dirixidos aos principais problemas e necesidades sanitarios da poboación e avaliar a consecución dos obxectivos no nivel de saúde.
  • Un plan para utilizar plenamente os recursos hospitalarios, para rematar cas demoras nas consultas hospitalarias, nas probas diagnosticas e nas intervencións cirúrxicas.
  • A comunidade xorda ten problemas de acceso. Solicitamos converter o espazo sanitario galego nun espazo accesible mediante intérpretes de lingua de signos nos Hospitais as 24 horas dos 365 días, como un dereito á saúde irrenunciable.
  • Poñer en marcha as medidas adoptadas no Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia e darlle continuidade como Mesa de Negociación, para elaborar o Novo Modelo de AP de Galicia. As 15 Comisións Técnicas teñen as súas conclusións dende fai 2 anos e o PP debe poñelas en marcha.
  • Que o Goberno galego exixa a derrogación da lei 15/97 por ter suposto a legalización do asalto do capital á sanidade pública.
  • Pedir o cesamento inmediato dxs responsables políticos desta grave situación.

A Xunta de Galicia do Sr. Alberto Nuñez Feijoo é actualmente do Sr. Alfonso Rueda Valenzuela, é a única responsable do deterioro e desmantelamento da Atención Primaria en beneficio da sanidade privada.

A plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, tras o traballo que están a realizar as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública nos ámbitos locais, agradecemos a toda a poboación, a que está aquí e a que apoiou a ILP, e emprazamos o goberno do PP a unha negociación real. O lema desta manifestación Multitudinaria, é “En Defensa da Atención Primaria e do Sistema Sanitario Público Galego”. Fagamos que a partir de hoxe, podamos reverter esta situación.

Chamamos a toda a poboación a manter as mobilizacións de protesta pola situación de deterioro sanitario; a realizar pronunciamentos institucionais…e apoiar toda as iniciativas da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, que tenten mellorar o Sistema Sanitario Público en Galicia.

É necesario recuperar o recortado polo PP e introducir medidas de mellora, mediante a aprobación dun Novo Modelo de Atención Primaria, acordado coa participación da poboación e o persoal que traballa nos Centros de Saúde.

Grazas a todos e a todas. Ánimo e sempre adiante!


Atención Primaria /