Redacción •  Galicia •  13/04/2025

A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo convoca protestas tras unha nova agresión a persoal sanitario

  • Desenvolverá unha concentración este luns día 14 na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro ás 11:00 horas
A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo convoca protestas tras unha nova agresión a persoal sanitario

A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo anunciou hoxe a convocatoria dunha mobilización para este luns día 14 na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro ás 11:00 horas en resposta á nova agresión “física e verbal” rexistrada onte no centro médico contra o persoal de enfermaría. A representación das persoas traballadoras acordou que as protestas se repetirán cada vez que se produza feitos deste tipo na área sanitaria viguesa.

Segundo explican dende a xunta de persoal, o incidente produciuse durante a quenda de tarde nunha unidade de hospitalización ao acceder a unha zona de acceso restrinxido unha persoa allea á unidade. “Queremos trasladarlle a nosa solidariedade ás persoas traballadoras agredidas e reiteramos que contra as agresións imos ter tolerancia cero”. Por iso na última xuntanza do organismo acordouse convocar concentracións cada vez que se produzan feitos deste tipo na área sanitaria viguesa. 

“O problema das agresións a persoal traballador da sanidade vai en aumento e require que se tomen medidas ao respecto dende a Xerencia; pero para isto é importante detectar as causas e actuar sobre a orixe das mesmas para poder ter unha actitude preventiva real e non só de minimización de danos”, sinalan.

Do mesmo xeito, animan a todas as profesionais que sofran agresións no ámbito laboral a comunicalo e a denuncialo e esixen da Xerencia que teña en conta a “magnitude e gravidade” do problema e que tome as medidas preventivas e de protección necesarias.


sanidad /