Redacción •  Galicia •  13/08/2024

BNG denuncia a falta de transparencia nos informes sobre o impacto de Altri

O deputado Luís Bará reclama que se garanta o dereito da cidadanía de acceso á información ambiental.

“Estamos diante dun simulacro de tramitación ambiental, porque a decisión de informar favorablemente xa está tomada” advertiu o deputado.

O BNG solicitou unha copia de toda a documentación sobre Altri que estea en poder da Consellería de Industria.

BNG denuncia a falta de transparencia nos informes sobre o impacto de Altri

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, fronte á falta de transparencia e á ocultación coa que actúa a Xunta, vén de reclamar que se fagan públicos todos os informes preceptivos sobre Altri. A pasada semana douse a coñecer un informe de Altri do Instituto de Estudos do Territorio, un informe que se dou a coñecer a través dos medios de comunicación, “deixando claro cal é o modus operandi da Xunta do Partido Popular, que se caracteriza pola falta de transparencia e ocultación da información” apuntou Bará.

O BNG considera que todos estes informes, dun tema de grande transcendencia como é o proxecto da macrocelulosa, deberían ser públicos para garantir o regulamento europeo de 2006 que, conforme ao establecido no convenio de Aarhus, garante á cidadanía ter acceso á información medioambiental.

Ante esta situación de desinformación, Bará anunciou que o BNG rexistrou hoxe unha solicitude de copia dos informes sobre Altri, do informe do IET e de todos os demais que estean en poder da Consellaría de Industria. Un expediente compelto de todos os informes sectoriais.

“Estamos diante dun simulacro de tramitación ambiental, porque a decisión de informar favorablemente xa está tomada” advertiu o deputado nacionalista. Esta afirmación de Bará fai referencia a unhas declaracións que fixo a conselleira de Industria nas que dicía que “Altri era un proxecto redondo desde o punto de vista ambiental”.

Luís Bará advertiu que o procedemento deste simulacro de tramitación vai recibir de forma continuada informes favorables con certos condicionamentos e cambios ao proxecto para disimular que hai unhas medidas minimizadoras e de seguimento medioambiental. O que calificou como “un paripé”, como se acaba de ver no informe do IET, que só se coñece por unha filtración aos medios, que refire ao impacto “paisaxístico considerable”.

Este impacto considerable sobre a paisaxe recoñece as 366 hectáreas (600 campos de fútbol),  unha cheminea de 75 metros, o equivalente a un edificio de 25 alturas ou á catedral de Santiago, unha caldeira de biomasa de 3.000 metros cadrados e 52 metros de alto, unha caldeira de recuperación, de 4.200 metros cadrados e 60 metros de alto ou as naves de todo o proceso industrial que ocupan uns 23.000 metros e 50 metros de altura; e propón medidas correctoras que Bará calificou de “maquillaxe verde” e que se acabarán aplicando ao resto de informes.

O BNG acusa de trato de favor por parte da Xunta porque neste procedemento o goberno non é imparcial, “a Xunta é xuíz e parte”. Bará recordou que xa dende un inicio, a través da Sociedade Impulsa, foi a Xunta que impulsou este proxecto. “Cometéronse múltiples irregularidades, como os cambios legais que se fixeron durante todo o procedemento para favorecer os intereses de Altri” destacou.

Luís Bará sinalou dos elementos clave para impedir a aprobación deste proxecto: a concesión de auga por Augas de Galiza, tendo en conta o impacto brutal sobre o río Ulla e a ría de Arousa; outro obstáculo insuperable é o financiamento do proxecto, un factor que a propia empresa destacou como fundamental.

“Está claro que a Xunta está do lado dunha multinacional que quere expoliar os nosos recursos, a nosa riqueza e condicionar o modelo forestal. O BNG está do lado dos intereses do país, da protección do medio e da Ulloa” concluíu.


BNG /