Redacción •  Galicia •  13/09/2021

Ecoloxistas en Acción demanda unha moratoria sobre a minería submarina

A organización solicitou por rexistro a todos os concellos costeiros galegos, deputacións e parlamento que aproben mocións a prol dunha moratoria da minaría submarina que de desenvolverse no banco galego afectaría gravemente ao medio mariño.

Ecoloxistas en Acción demanda unha moratoria sobre a minería submarina

O Congreso Mundial da Natureza da UICN, na súa sesión en Marsella, aprobou co voto a favor de 81 estados e 577 organizacións solicitar a todos os seus estados membros que apoiaran unha moratoria sobre a minería dos fondos mariños, sobre a emisión de novos contratos de explotación e exploración e a adopción de regulacións de minería dos fondos mariños para a explotación, incluídas as regulacións de ‘explotación’ por parte da Autoridade Internacional dos Fondos Mariños (ISA).

A minería submarina converteuse nunha das principais ameazas á integridade dos fondos mariños, un ambiente moi pouco coñecido e estudado. Trátase dunha actividade con enormes impactos potenciais, desde os efectos tóxicos das plumas de sedimentos e metais pesados en toda a cadea trófica ata a liberación de gases de efecto invernadoiro secuestrados nos fondos oceánicos, pasando pola destrución irreversible da biodiversidade mariña.

A frota pesqueira galega sería unha das máis expostas á afección dos recursos pesqueiros, xa que os efectos da minería submarina poderían afectar o 15% das súas capturas de túnidos no Océano Pacífico e o 10 % das capturas de barcos galegos na dorsal do Atlántico. Ademais, o crecente interese por potenciais depósitos minerais en augas do Estado español (incluído o chamado “Banco de Galicia” fronte ás costas galegas, que xa sufriu o afundimento do Prestige) poría en risco os principais caladeiros de proximidade.

A destrución ou extinción de especies, provocadas pola minería submarina, podería impedir ademais o descubrimento de novos medicamentos asociados a formas de vida das profundidades oceánicas. Sen ir máis lonxe, o test da COVID-19 desenvolveuse utilizando unha enzima illada dun microbio que se encontrou en respiradoiros hidrotermais de augas profundas, un hábitat moi escaso e agora baixo a ameaza da minería de augas profundas.

Numerosos organismos e entidades, como o Parlamento Europeo, a Comisión Europea, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), o Consello Consultivo da Frota Comunitaria de Longa Distancia (LDAC), o Consello Consultivo para as Especies Peláxicas (PelAC), WWF, Greenpeace, Fauna&Flora International, Ecoloxistas en Acción e Deep Sea Coalition, entre outras, documentaron e alertaron sobre os impactos coñecidos ou probables da minería submarina. Ademais, empresas do sector da tecnoloxía e da automoción como Google, BMW, Volvo, Philips ou Samsung subscribiron unha chamada conxunta para unha moratoria sobre a minería de augas profundas comprometéndose a non obter ningún recurso mineiro do leito mariño.

Recentemente, o Parlamento Europeo fixo un chamamento na súa resolución de 9 de xuño de 2021 sobre a Estratexia da UE sobre a Biodiversidade para 2030 “Devolver a natureza ás nosas vidas” (2020/2273(INI)) pedindo (parágrafo 184) aos Estados membros “que promovan unha moratoria, tamén na Alta Autoridade para os Fondos Mariños, sobre a minería submarina ata que se teñan estudado e investigado suficientemente os efectos da minaría submarina no medio ambiente mariño, a biodiversidade e as actividades humanas no mar e se poida xestionar a minaría submarina para garantir que non se perda biodiversidade mariña nin se degraden los ecosistemas mariños”.

Ante a imperiosa necesidade de evitar este desastre ambiental, Ecoloxistas en Acción solicita ás administracións locais, provinciais e autonómica galegas que insten ao Goberno do Estado para que promova e defenda ante a Alta Autoridade dos Fondos Mariños (ISA) unha moratoria da minería submarina ata que se teñan estudado e investigado suficientemente os seus efectos no medio ambiente mariño, a biodiversidade e as actividades humanas no mar e se poida xestionar a minaría submarina para garantir que non se perda biodiversidade mariña nin se degraden os ecosistemas mariños.

A organización ecoloxista tamén solicita que se inste ao Goberno do Estado para que adopte unha prohibición da minaría submarina nas augas baixo a súa xurisdición nacional e exclúa explicitamente a posibilidade de realizar esta actividade nas Áreas Mariñas Protexidas e Áreas Mariñas de Importancia Ecolóxica o Biolóxica, incluíndo o Banco de Galicia frente ás costas galegas.


coronavirus /  COVID-19 /  Ecologistas en Acción /  Ecoloxistas en Acción /  Greenpeace /  minería /  minería submarina /  Parlamento Europeo /  UICN /  Unión Europea /  WWF /