Redacción •  Galicia •  13/10/2024

BNG defende na homenaxea aos Mártires de Nebra un sistema fiscal propio que permita a Galiza ser a chave dos seus cartos

  • Iago Suárez  salientou que Galiza “é un país que se mobiliza”, un país que protesta cando as cousas se fan de maneira inxusta e que é un país loitador
BNG defende na homenaxea aos Mártires de Nebra un sistema fiscal propio que permita a Galiza ser a chave dos seus cartos

O Bloque Nacionalista Galego lembrou nun acto público aos Mártires de Nebra, unha revolta que hai exactamente 108 anos, lembrou o deputado Iago Suárez, catro mulleres e un home foron asasinados a tiros pola Garda Civil despois de varias protestas en queixa por un tributo tremendamente inxusto.

Na súa intervención na homenaxe, Suárez quixo lembra que esta revolta, que conmemoramos desde o BNG, 108 anos despois, vén evidenciar que Galiza “é un país que se mobiliza”, un país que protesta cando as cousas se fan de maneira inxusta e que é un país loitador ante todas estas cuestións que non son de recibo para o pobo galego. “Recordamos este ano, como levamos facendo todos estes anteriores, as Mártires de Nebra porque é de xustiza co noso país e porque é de xustiza coa nosa organización” apuntou.

As Mártires de Nebra reclamaban o que o BNG segue a reclamar hoxe en día, que é “a soberanía, a capacidade de decidir sobre o seu traballo, sobre os seus cartos, a capacidade de decidir basicamente sobre o seu” destacou o deputado. É algo no que segue incidindo desde BNG despois de todos estes anos porque segue sendo de xustiza e porque segue sendo, sobre todo, necesario para as galegas e para os galegos.

“Os galegos e as galegas debemos ter a chave dos nosos cartos”. Iago Suárez salientou que “Galiza no vive da caridade de outros territorios”. O deputado fixo fincapé en que Galiza non vive da caridade da esmola de Madrid, “vivimos do noso traballo, vivimos dos impostos que pagamos aquí”.+Suárez denunciou que son máis de 5 mil millóns de euros os excedentes dos impostos que se cobran en Galiza “e que temos que entregar gratuitamente a Madrid mentres nos seguimos vendo como se afonda en problemas gravísimos a nosa sociedade”. Apuntou diferentes ámbitos da sociedade que se ven afectados pola mala xestión e a falta de recursos como é a sanidade, especialmente na cuestión da saúde mental, a cuestión da vivenda ou o transporte tanto por estrada como ferroviario. “Seguimos reclamando o que vimos reclamando desde sempre, soberanía, poder de decidir”, e por iso o BNG seguirá lembrando todos os anos, o 12 de outubro, ás Mártires de Nebra.


Memoria Democrática /