A Xustiza deixa en evidencia o apoio da Xunta a Norvento ao botar abaixo a autorización administrativa do parque eólico Sasdónigas
En 2019, o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez denunciou no Parlamento galego os graves impactos que tería o proxecto sobre o Camiño de Santiago, «a cambio dunhas míseras frangullas» a nivel económico «que en ningún caso compensarían os danos causados».
Agora, segundo ven de facerse público, a sección terceira da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ven de estimar o recurso interposto por dez particulares contra a aprobación definitiva do parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo (Lugo), declarando como nulo o acordo do Consello da Xunta tomado en novembro de 2018 no que se deu luz verde á modificación do proxecto inicial do parque, aprobado no 2012, no que se pretendía incluir un cambio de modelo de aeroxerador.
Na súa sentenza, o TSXG sinala que «para que as modificacións dun parte eólico teñan o carácter de non esencial, haberán de dispoñer do informe favorable do órgano ambiental respecto á proposta de modificación; e, no presente caso, se ben existe, o documento non contén todos os informes sectoriais necesarios para valorar correctamente a incidencia ambiental da modificación proposta pola promotora».
Doutra banda, os maxistrados entenden que Norvento pretende realizar «una división artificial dun único parque eólico en dúas fases». Deste xeito, sinalan que a denominada Fase II «carece de elementos e equipamentos necesarios para ser considerada unha instalación independente da Fase I». O TSXG destaca que ese «desmembramento» evita que se analicen elementos como un xacemento arqueolóxico. «Ao realizar unha avaliación ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evítase unha verdadeira avaliación global de todo o proxecto» -conclúe-.
A sentenza indica de igual maneira que tampouco se valoraron correctamente «elementos especialmente protexidos, coma o Camiño de Santiago», ao estar cruzado por un vial da infraestrutura e aínda que norvento alegou que os aeroxeradores supoñen «un valor engadido» e son «atractivos para os turistas», teén unha grave afectación «polo seu impacto visual e acústico». Ademáis, os xuices advirte que ademáis da Ruta Xacobea o parque afecta «a importantes recursos hídricos» da zona.
UN PROXECTO DENUNCIADO EN SEDE PARLAMENTARIA
En 2019, o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez denunciou no Parlamento galego os graves impactos proxectos a nivel ambiental, patrimonial e social, recordando que este se atopa nunha zona de turbeira de alto valor ecolóxico e a existencia dentro da súa poligonal dun asentamento de época romana inventariado no PXOM no ano 2016, así como a súa significativa afectación ao Camiño de Santiago, e todo «a cambio dunhas míseras frangullas» a nivel económico «que en ningún aso compensarían os danos causados.
«ASOBALLAMENTO» DA POBOACIÓN LOCAL
No mesmo senso, o coordenador de En Marea Mondoñedo, Manuel Xermade, recordou nunha reunión mantida na Cámara autonómica nese mesmo ano que Norvento é unha empresa «dona e señora de todo que fai o que quere porque o concello agocha a cabeza e a Xunta o permite» ao impoñer un «asoballamento aos propietarios á hora de pagar polas terras» con números que non deixan lugar a dúbidas: 0.17€/m por terreo de plena ocupación e 0.017€/m por afectación eólica, cantidades «ridículas» que só benefician as contas de resultados dunha empresa «que desfai e maltrata ao medio natural e que ataca seriamente ao patrimonio público».