Redacción •  Galicia •  13/11/2021

Ecoloxistas en Acción lembra o desastre do Prestige no seu 19 aniversario

  • Ecoloxistas en Acción alerta de que o desastre do Prestige pódese repetir en calquera momento, xa que ao redor de 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible.
  • A organización ecoloxista, da man de Urco Producións, está realizando un documental sobre o desastre do Prestige para conmemorar o ano que vén o vixésimo aniversario da catástrofe ecolóxica.
Ecoloxistas en Acción lembra o desastre do Prestige no seu 19 aniversario

Un funesto 13 de novembro de 2002 produciuse o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia. Unha terrible noite de temporal, o petroleiro monocasco Prestige sufriu unha vía de auga cando navegaba a 28 millas (52 km) do cabo Fisterra. As autoridades españolas comezaron un rocambolesco periplo remolcando o barco ata que se partiu en dous o día 19 de novembro.

Como consecuencia diso, chegaron ás nosas costas varias decenas de miles de toneladas de fuel oil (chapapote), que logo se estenderon por toda a costa cantábrica e o sur de Francia, producindo unha das maiores mareas negras da historia. As ondas de fuel e morte bateron contra os cantís da Costa da Morte, contra as Illas Cíes e Ons, contra praias de alto valor natural e paisaxístico.

Ante a incompetencia e a falta de medios de Xunta e Goberno, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote. A sociedade civil autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, foron as que deron resposta á catástrofe #ante a incomparecencia das autoridades.

Xerouse tamén unha onda de solidariedade en todo o Estado e en moitos países, acudindo miles de voluntarios/as, unha marea branca fronte á marea negra, para limpar de chapapote as costas galegas, traballando durante varios meses. Foron días de bágoas e dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego unha onda de indignación que asolagou a praza do Obradoiro 6 veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002. A mobilización da sociedade galega, articulada na ampla plataforma Nunca Máis chegou ata a Porta do Sol, cunha enorme marcha cara a Madrid para esixir xustiza, respecto e reparación.

O Goberno e a Xunta tentaban minimizar o alcance da traxedia para ocultar a súa pésima xestión. A realidade, que lles azoutaba na cara, era a absoluta carencia de recursos e medios, a súa total incompetencia para acometer a protección e limpeza das zonas contaminadas. Esa onda movilizadora abarcou moito máis alá do movemento ecoloxista, asolagando centros de ensino, centros de traballo, cada porto e cada balcón producindo un auténtico sismo que espertou a nosa conciencia como pobo e devolveunos a dignidade.

18 anos despois os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte, podéndose observar aínda a primeira ollada. Aínda queda chapapote baixo a area. Atopámonos ante outra proba máis de como, cando se produce un gran desastre ecolóxico, os seus efectos perduran durante anos ou mesmo décadas.

Por iso, é necesario que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes. O actual modelo de transporte marítimo de mercadorías, ademais de perigoso, é daniño para o medio ambiente e un dos factores que contribúen a acelerar o cambio climático. A maior parte das mercadorías que consumimos chegaron ata nós en buques porta contedores que consomen enormes cantidades de petróleo e que requiren para a súa fabricación inxentes recursos metálicos procedentes da minería. O obsoleto deste modelo baseado en bandeiras de conveniencia, pésimas condicións laborais e escaso mantemento dos barcos queda reflectido no dato de que a metade do tráfico marítimo mundial corresponde a petroleiros ou gaseros.

Convén lembrar que o 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Lembremos que 8 dos 13 maiores accidentes con verteduras de petróleo nas últimas 6 décadas producíronse nas costas de Galicia.

Ecoloxistas en Acción non quere que o desastre ambiental do Prestige caia no esquecemento e por iso prepara un documental sobre a catástrofe que presentará o ano que vén no vixésimo aniversario da catástrofe ecolóxica.

O documental titularase «¡Alegría!» en homenaxe a todas as voluntarias que acudiron a limpar as praias. Alegría! era o seu berro de guerra cando estaban a limpar o desastre e o esgotamento facía efecto. A través desta reportaxe, a organización ecoloxista pretende rememorar a gran mobilización popular ante a nefasta xestión política e posterior campaña de desinformación para ocultar o alcance do desastre ecolóxico.

Ecoloxistas en Acción pide reclamar tamén unha rápida e adecuada actuación, xusto o contrario do que se fixo co Prestige, para evitar que o accidente pase a converterse nunha catástrofe ambiental. É necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia. Hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos. Temos tamén que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos. Teñamos sempre presentes estas imaxes, fagamos memoria desta traxedia, pero tamén desta loita, para que un desastre así non volva repetirse nunca máis.


Prestige /