Presentación do libro: «Camiño Xacobeo Miñoto Rebeiro» na asociación Silva Escura, en Celanova
A asociación inaugura as súas actividades cunha charla dos historiadores Cástor Pérez e Xosé Ramón Estévez, autores do estudo sobre una ruta xacobea recuperada e que conta cos avais de universidades, centros de investigación e mesmo a propia Igrexa, tras vinte anos de traballo dun e doutro lado da raia.
A Asociación de natureza, deporte e lecer Silva Escura inicia a súa actividade cunha conferencia sobre un dos camiños xacobeos que atravesan as nosas comarcas de Celanova e O Ribeiro, o Camiño Miñoto Ribeiro, que se recupera agora froito dunha investigación durante máis de vinte anos de Cástor Pérez e Xosé Ramón Estévez, autores xunto ao arqueólogo Jorge Lamas, do estudo histórico “Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro” publicado pola Deputación de Ourense en 2022.
Cástor Pérez e Xosé Ramón Estévez ofrecerán unha charla, aberta ao público, o próximo domingo 19 de marzo ás 12.00 horas no Administración Gastro Bar de Celanova. Explicarán, entre outras cuestión sobre a investigación histórica e o proceso (actualmente en marcha) de certificación oficial da ruta xacobea, as vinculacións deste camiño con Celanova e a súa vizosa historia medieval.
Xunto a eles, para subliñar a potencialidade deste tipo de rutas, intervirá tamén o viticultor Antonio Míguez Amil, que ofrecerá unha charla baixo o título de “As Rutas do Viño do Ribeiro”.
O colectivo Silva Escura, asociación sen ánimo de lucro, retoma a súa actividade coa intención de contribuír ao coñecemento e divulgación dos valores históricos e patrimoniais destas comarcas, afondar na relación entre a Terra de Celanova e O Ribeiro e se converter nun círculo de dinamización cultural e turística.