Tombada a autorización de verteduras da mina San Finx
- Alertan do risco de abandono e fuga da empresa, en mans de testaferros peruanos, e esixen unha caución de 10 millóns de euros para garantir a restauración.
- Os colectivos demandan que se impoñan de forma urxente medidas para parar a contaminación, incluíndo o selado da mina e taponado de galerías de desaugue.
Ecoloxistas en Acción e todos os colectivos sociais e do mar agrupados na plataforma contra as verteduras da mina de San Finx, situada en Lousame, veñen de celebrar que Augas de Galicia resolvese revogar a autorización de verteduras de augas residuais que outorgara fai agora un ano, en febreiro de 2023, e que puxera en pé de guerra a toda a comarca.
A revogación produciuse logo de que os colectivos sociais puxesen en evidencia como a empresa viña ignorando o condicionado repetidamente da autorización, o que levou a que a principios deste ano se impuxese unha sanción de 180.000 euros pola comisión dunha infracción grave deriva das verteduras con concentracións elevadas de substancias tóxicas incluíndo cadmio, cobre, cinc e níquel.
A autorización tamén fora recorrida xudicialmente tanto por Ecoloxistas en Acción como polas confrarías de pescadores de Noia e Portosín así como por varios concellos da ría, dadas as irregularidades no procedemento de autorización. Aínda que os colectivos festexan unha resolución que frea en seco a vertedura de case 1000 millóns de litros de augas residuais ao ano, consideran que o paso da Xunta busca evitar que os pronunciamentos xudiciais expoñan as irregularidades, que tamén son obxecto dun procedemento penal separado.
Próximos pasos
A decisión anunciada hoxe dá a razón aos numerosos colectivos personados no procedemento, que desde 2016 veñen poñendo en evidencia as falsidades da empresa mineira e da Consellería de Economía e Industria, mais non pon fin ao conflito. Por iso, Ecoloxistas en Acción anuncia novas accións xunto cos demais colectivos da plataforma para poñer unha solución definitiva ás verteduras da mina, que pasa polo selado e taponado das galerías de desaugue e a reindundación das labores mineiras en condicións de seguridade a perpetuidade.
Tamén iniciarán medidas legais para esixir a revisión e cumprimento do plan de restauración aprobado ilegalmente en 2009, incluíndo a eliminación da escombreira e a retirada dos residuos mineiros acumulados nas presas e balsas construídas sobre o leito do río e que se encontran en estado crítico. «A finais de 2020 a Xunta aprobou unha actualización do plan de restauración cun orzamento de apenas 187.000 euros, cando desde os colectivos ecoloxistas e do mar cifrabamos o custo necesario en non menos de 10 millóns de euros», denuncia Joám Evans, voceiro de Ecoloxistas en Acción e da plataforma comarcal.
Ante o risco de fuga da empresa, que desde o pasado mes de marzo se encontra en mans de testaferros peruanos, esixen o establecemento de caucións por ese valor que permitan a posta en seguridade da explotación. Destacan ademais o pasado turbio dos inversores que exercen o control real da empresa, con antecedentes de violacións dos dereitos humanos en Colombia.
De feito, a empresa non enviou a ningún dos seus administradores para comparecer ante o Xulgado de Noia cando foi chamada a declarar fai un mes como imputada por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.