Redacción •  Galicia •  14/07/2024

Unha ILP para liberar a CRTVG do secuestro do PP e poñela ao servizo do pobo

  • Organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais promotoras  desta ILP entenden que a sociedade galega «debe saír ao rescate do noso servizo público de comunicación audiovisual».
Unha ILP para liberar a CRTVG do secuestro do PP e poñela ao servizo do pobo

O comité intercentros e representantes dos 40 colectivos e organizacións agrupadas en defensa da radio e a televisión pública galega (entre as que se atopa a CIG), anunciaron este xoves a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que ten por obxectivo modificar a actual Lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, pola que se rexe a CRTVG, «para liberala do secuestro do Partido Popular e poñela ao servizo do pobo».

A xornalista Tareixa Navaza foi a encargada de dar a coñecer o contido desta iniciativa lexislativa popular que está previsto que se rexistre no parlamento durante a primeira semana do mes de setembro. A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que, unha vez estea rexistrada a ILP, comezará unha intensa campaña de recollida de sinaturas e de actos por todo o país para que a loita que se vén desenvolvendo dende hai anos por liberar a CRTVG do secuestro do PP «sexa unha realidade».

Navaza pola súa banda puxo énfase na valentía dos compañeiros e compañeiras dos medios públicos galegos que, malia os custes persoais e laborais desta loita, os despedimentos e as presións, «non tiran a toalla e levan preto de seis anos defendendo a cidadanía deste país. Un país que non ten medios públicos non é unha democracia plena», aseverou.

A dirección da CRTVG actúa ao servizo dos intereses do PP

Sobre os motivos que levaron as 40 organizacións a sacar esta iniciativa, Navaza (membro da comisión promotora) destacou o «secuestro» por parte do Executivo galego da radio e a televisión pública galega, cunha dirección da CRTVG que, actuando ao servizo da forza política no Goberno, antepón os intereses do PP aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.

Subliñou que os medios audiovisuais públicos de Galiza son un servizo esencial que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia.

«Eses contidos son representacións simbólicas que afectan á maneira de oír, de ver e, en definitiva, de experimentar o mundo que vivimos, e, polo tanto, requiren dun papel activo da cidadanía á hora de estabelecer criterios orientadores e de vixiar o cumprimento dos mesmos; isto é, requiren da participación e do control social», lembrou a recoñecida xornalista.

Porén, o actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, designado a dedo hai 13 anos polo daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constitúe a expresión «dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público». Ao contrario, neste tempo reduciuse a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos e posibilitouse a emisión noutras linguas distintas do galego.

No mandato de Sánchez Izquierdo tampouco se potenciou a participación e o control social e deuse entrada ao capital privado, deixando «nas súas mans boa parte da programación da CRTVG, comprometendo os valores de servizo público antes mencionados».


Medios de Comunicación /