CIG-Servizos convoca concentración no Mercadona de Nigrán contra os abusos e ameazas que sofre o persoal
Terá lugar mañá mércores, día 14 de agosto, ás 12:00h, diante da tenda de Porto de Molle.
Cunha concentración no Mercadona de Nigrán situado en Porto do Molle, a CIG-Servizos continúa a campaña coa que, baixo o lema “Un segredo a voces!”, denuncia os abusos laborais, faltas de respecto, insultos e ameazas de responsábeis da tenda ao conxunto do persoal. A xeira de mobilizacións desenvolverase en diferentes centros de traballo de todo a provincia de Pontevedra ao longo dos vindeiros meses.
Con esta campaña a sección sindical da CIG en Mercadona na provincia de Pontevedra quere denunciar publicamente as desconsideracións, berros, ofensas, persecucións e illamento laboral que realiza a empresa ás persoas traballadoras, nomeadamente ás mulleres. Tal e como denunciou públicamente a central sindical a semana pasada, a cadea ten unha política moi clara de precariedade laboral para o persoal feminino.
A realidade en moitos centros de traballo da provincia de Pontevedra, nomeadamente neste centro en Porto do Molle é, segundo a CIG-Servizos, “un trato vexatorio constante por parte da xerencia e das persoas encargadas ao conxunto do cadro de persoal, onde as incidencias son diarias, tanto en privado (nas chamadas á oficina) como diante de clientes”.
O sindicato e a sección sindical trasladaron, o pasado mes de febreiro, unha serie de incidencias neste centro, chegando a solicitar en repetidas ocasións unha xuntanza co departamento de RRHH para abordar a situación. Porén a empresa amosouse contraria a realizar esa reunión cualificando a información entregada pola CIG como “insuficiente” “porque a empresa busca identificar ás persoas traballadoras que deciden alzar a voz para adoptar as medias represivas pertinentes”, denuncian.
Sen adoptar medidas
Desde finais de febreiro, concretamente o 28 de febreiro de 2024, a empresa non tomou ningunha medida coas persoas responsábeis deste centro en Nigrán, xa que “as vexacións, acoso, persecucións, insultos e mal trato van en aumento mes a mes”, afirman.
Esta situación vese agravada cara as persoas que están en IT, que reciben de forma constante “chamadas e mensaxes de WhatsApp por parte da máxima responsábel deste centro día si e día tamén”.
Neste sentido, a CIG-Servizos salienta que cando unha persoa causa baixa por IT, recibe de forma inmediata unha chamada de da responsábel acusando a traballadora de “deixala tirada” ou “ti saberás canto estás de baixa”. Nesas “mensaxes insistentes”, a encargada do centro de traballo, “procura recibir información sobre tratamentos médicos, datas de probas ou citas médicas, causando unha maior presión ás persoas traballadoras enfermas”.
A esta forma de actuar por parte da coordinadora do centro ante as persoas enfermas e en IT, a CIG engade o acoso que realiza a médica da empresa “chamando periodicamente ás traballadoras e traballadores en IT, solicitando copias de informes médicos do SERGAS, días e horarios de citas ou probas”.
Ante esta situación, que non é illada na empresa de Juan Roig, a CIG como sindicato máis votado na provincia de Pontevedra, advirte que continuará denunciando dentro e fóra da empresa este tipo de prácticas, prestando asesoramento ás persoas traballadoras e realizando o traballo sindical pertinente para combater estes abusos. “Un traballo no día a día, cun único obxectivo: facer que Mercadona deixe de acosar as persoas traballadoras e sexa un lugar seguro onde traballar”, conclúe.