Redacción •  Galicia •  14/09/2021

O pleno de Celanova debaterá o rexeitamento da instalación do polígono eólico

  • O BNG demanda nunha moción que o Concello se declare contrario á central e que a Xunta paralice de inmediato a súa tramitación.
O pleno de Celanova debaterá o rexeitamento da instalación do polígono eólico

“O Concello de Celanova rexeita a instalación do polígono eólico P.E. Monte da Neve polos impactos negativos que del se derivan para o territorio, a paisaxe, o patrimonio e a veciñanza do noso concello”, pide o BNG nunha moción rexistrada para o seu debate no pleno ordinario de setembro despois de que en xullo, o grupo do alcalde e máis o PP se negasen a considerar de urxencia unha declaración institucional de moratoria eólica.

Desta vez si haberá debate e as nacionalistas precisan a súa demanda en tres propostas de acordo: o rexeitamento da construción da central eólica por parte do Concello, a petición para que a Xunta denegue o proxecto e a reclamación dunha moratoria para as instalacións eólicas no conxunto da Galiza.

O BNG lembra na súa exposición de motivos que o goberno municipal está a incumprir un acordo plenario para informar á veciñanza sobre as pretensións de BayWa, a empresa promotora da central eólica, e os impactos que tería a mesma. Ademais, sinalan que nas últimas semanas produciuse “un paso adiante na contestación veciñal ao proxecto coa convocatoria e celebración, o sábado 4 de setembro, dunha Marcha en Defensa da Casa da Neve”.

E tamén sinalan que “hai pouco máis dun mes presentamos a consideración deste pleno unha proposta de moratoria eólica no termo municipal de Celanova. En apenas cinco semanas, o compromiso institucional aumentou, sinaladamente o do Parlamento Europeo, onde o pasado mes de agosto atenderon e déronlle tramitación a dúas peticións de colectivos veciñais galegos -de Ponteceso e Cotobade- que se opoñen á instalación de centrais eólicas polos enormes impactos no territorio. O Parlamento Europeo escoitará ás partes no que supón un salto cualitativo na vía institucional para frear a proliferación de aeroxeradores”.

A respecto da Casa da Neve, o BNG insiste en que “a localización de centrais eólicas no noso concello non se está a levar a cabo tendo en conta as necesidades da comarca, os intereses das comunidades locais, a protección do territorio e o medio e a compatibilidade con actividades socioeconómicas propias do contorna” como o sector primario e o turismo.


Celanova /