Comeza en Xinzo a recollida de alegacións veciñais contra o complexo eólico Mistral-Tramontana no Larouco
Quince días despois de que os documentos, miles de páxinas, saísen a exposición pública no DOG, ningunha Administración pública informou á veciñas de veciños de Baltar e dos outros concellos afectados (Cualedro e Xinzo) a respecto dos graves impactos que traería a instalación de 15 aeroxeradores de 150 metros de alto sobre as cimas do Larouco e da Boullosa.
A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA iniciou este luns en Xinzo a recollida de sinaturas contra os proxectos PE Mistral e PE Tramontana, en exposición pública até o próximo 15 de decembro. Estes proxectos, fragmentados pola mercantil promotora, fan parte dun mesmo plan, o complexo Mistral-Tramontana, con 15 aeroxeradores de 150 metros de alto desde o Larouco á Boullosa no concello de Baltar, que na práctica supón unha ampliación agochada da central eólica (49 aeroxeradores de 80 metros de alto) que Iberdrola xestiona na Serra do Larouco.
As alegacións son o único elemento de participación cidadá neste momento do proceso de tramitación dos proxectos, no que se ofrece unha xanela de 30 días á veciñanza para que analice e responda a máis de 5.000 páxinas de documentos técnicos sen que nin a Xunta de Galicia nin Administración ningunha explique, informe e conciencie ao público dos enormes impactos medioambientais, culturais, paisaxísticos e sociais, incluíndo á saúde de persoas e gando, os bosques e as augas.
Diante deste abandono cómplice, veciñanza organizada en máis dun cento de plataformas en toda Galiza, está a responder con mobilizacións e alegacións a cada un dos centos de proxectos eólicos que ameazan o territorio, a vida presente e o futuro das nosas aldeas.
A campaña contra o complexo Mistral-Tramontana continuará este xoves cunha mesa informativa na feira de Celanova, e con información a través das redes sociais de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA a respecto dos enormes danos que causarían no Val do Salas a instalación de máis aeroxeradores e novas liñas de alta tensión, nunha área onde a explotación enerxética do territorio, coa central de 49 máquinas de Iberdrola e os dous encoros (Salas e As Conchas) de Naturgy xa é moi intensa e cun gran custo medioambiental e social como unha das causas do abandono do rural.
É falso que aquí necesitemos producir máis enerxía eléctrica da que precisamos (porque producimos máis enerxía eléctrica da que se consume). É falso que a instalación de novos polígonos eólicos vaia abaratar o custe da enerxía (porque a enerxía fica en mans privadas para lucro das corporacións enerxéticas). É falso que a eólica sexa unha enerxía inocua para o territorio e as persoas (porque entón se sacrifica Galiza e en toda a comunidade de Madrid non se puxo unha soa central).
A veciñanza necesita información para coñecer as causas e consecuencias desta invasión eólica que impón media ducia de polígonos eólicos nas montañas que rodean A Limia con máis de 80 máquinas de até 200 metros de altura nas montañas do Macizo en Vilar de Barrio, na Aguioncha entre Calvos, Os Blancos e Baltar, no Monte Grande entre Bande, Verea e Rairiz de Veiga, e no Larouco e na Boullosa en Baltar, alén de varias liñas de alta tensión que atravesarían o Val do Salas, e o Limia desde as Veigas de Lobás en Calvos, pasando por Porqueira e a Veiga de Ponteliñares, nun ataque sen precedentes ás zonas de protección ambiental da Limia e do Xurés e á conectividade da Rede Natura.
Estes proxectos, de se levar a cabo, suporían a fin das nosas paisaxes e a fin das nosas aldeas.
No Larouco, acabarían coa veiga na que nacen os ríos que forman o Salas afectando gravemente a máis de 70 especies de aves nunha área declarada Zona de Protección de Avifauna. Na Boullosa, afectarían gravemente polo ruído e o efecto sombra das pas ás aldeas de San Martiño e San Paio, na parte galega, e a Sendim, na parte portuguesa, con máquinas a menos dun quilómetro das vivendas.
Todo isto está nos propios documentos que presenta a mercantil promotora e dos que nin a Xunta nin os concellos afectados: Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia, teñen informado até o de agora (dúas semanas despois da publicación no DOG) á veciñanza dos seus termos municipais.
Xinzo de Limia, 14 de novembro.