Redacción •  Galicia •  15/03/2025

O TSXG “emenda á totalidade a carreira de depredación ambiental do país” emprendida pola Xunta de Galiza

  • A CIG entende que pon en cuestión proxectos como Altri ou a Mina de Touro e chama a particulares, entidades e asociacións interesadas no procedemento a que soliciten a súa suspensión administrativa.
O TSXG “emenda á totalidade a carreira de depredación ambiental do país” emprendida pola Xunta de Galiza

A Sala Terceira do TSXG vén de emitir sentenza, a raíz do recurso interposto pola CIG, anulando parcialmente o decreto 102/2023 da Xunta de Galiza. O alto tribunal interpreta que privatiza os procedementos de avaliación ambiental, externaliza a súa tramitación e a pon en mans da empresa privada.

A CIG entende que isto “emenda á totalidade” a política de “depredación do país” do Partido Popular, poñendo en cuestión proxectos como o de Altri ou o da Mina de Touro e chama tanto as persoas, a título individual, como ás distintas entidades e asociacións que no seu momento alegaran no procedemento de Altri, ou doutros materializados de acordo a este decreto, para que pidan a súa suspensión administrativa.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a sentenza é “un torpedo á liña flotación” dos cambios normativos introducidos polo PP para favorecer os intereses empresariais “reforzando o papel colonial de Galiza”, mentres “os sectores produtivos agonizan e avanza a emigración e o avellentamento da poboación”.

Así, denunciou os procedementos “profundamente antidemocráticos e autoritarios” postos en marcha pola Xunta de Galiza, xa con Feixóo, e acusou ao PP de “ir ao mercado”, “privatizar os servizos públicos” e “comprar informes” que favorezan os intereses de empresas que veñen “espoliar os recursos do noso país”.

Entre os cambios normativos impostos pola Xunta sinalou, por unha banda, a chamada “simplificación” de procedementos administrativos, que supuxo, dixo, “a anulación dos dereitos de participación pública, coa aprobación de proxectos extraordinariamente agresivos”. E, pola outra, a privatización dos servizos públicos, “anulando o labor dos empregados e empregadas públicas en favor de empresas privadas para as que a imparcialidade e o interese público son inexistentes”.

Como exemplo puxo as denuncias que vén facendo a CIG, no relativo ao expediente de Altri, pola “opacidade” dos procedementos e pola “intimidación ao persoal empregado público”.

Suspensión dos procedementos

O secretario xeral da CIG anunciou ademais que a central sindical demandará unha revisión exhaustiva de todos aqueles procedementos tramitados a partir da publicación no DOG deste decreto e solicitará tamén a súa suspensión, en primeiro lugar do de Altri. Preguntouse, ademais, “que máis ten que pasar para que o Partido Popular faga caso” ao rexeitamento masivo que estes proxectos están provocando en todos os sectores do pobo galego e agardou que, desta volta, o PP e o Goberno galego cumpran esta sentenza. No caso de non facelo asegurou que a CIG se reserva “exercer as accións legais oportunas”, mesmo a vía penal.

Respecto do número de expedientes que poderían estar atinxidos por esta sentenza, lembrou que en 2023, cando se anunciou a intención de recorrer no contencioso este decreto, xa se falaba de que había uns 35 parques eólicos tramitados baixo o seu paraugas.

Por iso adiantou que agora o que se lle vai pedir á administración é que identifique e informe sobre todos os expedientes que, en diferentes ámbitos, están afectados, quer proxectos eólicos ou mineiros, e que a central sindical entende, tal e como explicou o letrado da CIG, Anxo García Torres, que “adquiren unha condición de nulidade”.

Torres asegurou que, se en 3 meses a Xunta non dá esta información a CIG recorrerá de novo á xustiza e que, en caso de que a administración presente recurso de casación -ten 30 días para facelo-, a central sindical solicitará a execución provisional da sentenza, mentres non se pronuncie o Tribunal Supremo, para evitar que sigan adiante proxectos que, como advertiu Carril, poderían provocar un “dano irreversíbel”.

En todo caso, Torres explicou que para que o recurso de casación sexa admitido a trámite ten que demostrar que o TSXG se apartou “inmotivadamente da xurisprudencia” para emitir esta sentenza.

O valor do persoal empregado público

Foi Alexandre Prieto, responsábel de Organización da CIG-Autonómica, quen explicou o alcance e a gravidade do decreto. “Serve para substituír o traballo do persoal funcionario público por empresas colaboradoras privadas co obxectivo de facilitar a autorización de proxectos con impacto ambiental”. Sinalou que, deste xeito, esas empresas colaboradoras ambientais poderían encargarse de todo o procedemento administrativo de autorización incluídos informe, control e avaliación ambiental, deixando á Xunta unicamente a sinatura nos procedementos de autorización.

“O decreto usurpaba directamente as funcións dos funcionarios e funcionarias públicas, xerando un precedente de privatización nunca visto até o de agora” e o que é máis grave, “sen a garantía de imparcialidade” do persoal da administración pública.

Diante disto, Carril animou a toda a poboación a sumarse á mobilización por terra e por mar, convocada para o vindeiro 22 de marzo, ás 12:00 horas na Pobra do Caramiñal sob o lema “Na defensa do noso mar e da nosa terra. Non a Altri. Non á mina de Touro-O Pino”.


mina de Touro /