Redacción •  Galicia •  15/07/2024

A xustiza anula os servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza na folga da limpeza de Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir sentenza estimando parcialmente o recurso presentado pola CIG contra os servizos mínimos decretados pola Xunta para a folga da limpeza na provincia de Lugo. O alto tribunal galego anula os servizos mínimos impostos por consideralos abusivos e vulnerar os dereitos fundamentais das traballadoras.

A xustiza anula os servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza na folga da limpeza de Lugo

A representante da CIG-Servizos, Asunción Castiñeira, lembra que a central sindical recorreu a orde da Vicepresidencia primeira e Consellaría de Presidencia porque a actividade que establecía para as distintas dependencias «era absolutamente desproporcionada, ao chegar na maioría dos casos ao 100% do persoal e ao 100% da xornada laboral, impedindo que as traballadoras puideran exercer o seu dereito á folga».

Agora, aínda que con meses de atraso, a xustiza dálle á razón a CIG e anula a orde de servizos mínimos por falta de motivación e pola desproporción da actividade imposta pola Xunta. Castiñeira agarda que, de cara a futuros conflitos, a administración galega tome boa nota da sentenza e estabeleza un servizos mínimos axustados a dereito «e que respecten o libre exercicio dos dereitos».

Subliña que “a folga é a ferramenta fundamental que ten a clase  traballadora para defenderse dos abusos da patronal e avanzar nunhas condicións laborais e salariais dignas” e rexeita que sexa a propia administración “que é quen ten que velar porque se preserven os dereitos das galegas e galegos, quen os está vulnerando”.

A este respecto a representante da CIG critica a inacción da Xunta de Galiza durante todo tempo que durou o conflito «negándose a intervir e asumir as súas responsabilidades como administración e como principal contratista dos servizos de limpeza, mirando para outro lado e deixando as traballadoras nunha situación de total abondo».

Castiñeira apunta ao feito da Xunta escudarse na condición de servizo esencial da limpeza para xustificar estes abusivos servizos mínimos, pero non ter en conta esta consideración cando elabora os pregos de condicións dos contratos, para impulsar unhas condicións de traballo xustas no sector, ou para defender as compañeiras fronte as pretensións patronais de condenalas á precariedade e á miseria.


folga /