Caso ADIF: O medio ambiente e as contas públicas non deben pagar os custes da incompetencia
A secretaría de Medio Ambiente do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia cualifica de «intolerable» o xeito de proceder de ADIF nas operacións que levaron o ente público a tirar ao río Sil dous vagóns. A presión social e institucional obrigaron o ADIF a retiralos días despois dos feitos.
O pasado 28 de xullo producíase en Sobradelo de Valdeorras (Ourense) o descarrilamento dun tren de mercadorías que levaba os seus vagóns baleiros, polo que non houbo que lamentar vítimas nin feridos.
Nas actuacións de retirada do convoi descarrilado, dous dos vagóns presentaban —supostamente— dificultades para a súa retirada, polo que a empresa pública ADIF optou pola solución máis barata economicamente: empurralos cara ao río. «O único prexudicado do sinistro foi o medio ambiente», denuncia CCOO.
Desde a Secretaría de Medio Ambiente sinalan que incluso o ADIF «valoraría que as multas que puidesen sancionar este despropósito serían menos custosas economicamente ca ter cortada a vía por máis tempo».
Porén, tras ser coñecida a noticia, xunto cos vídeos que documentaron a desfeita, ADIF anunciou que retiraría os dous vagóns, para o que tivo que construír vías de acceso e cortar a vía máis tempo ca se fixese todo isto desde o primeiro momento.
«Quedou máis que demostrado que a primeira opción, a de esbandallar os vagóns ao río Sil, tiña outras alternativas máis responsables, menos custosas e sobre todo respectuosas co medio ambiente», puntualiza CCOO.
Desde o sindicato esixen que estes sucesos non se repitan xamais e que se adopten as medidas correctoras suficientes. «O medio ambiente e as contas públicas non deben pagar os custes da incompetencia», conclúe o sindicato.