Redacción •  Galicia •  15/11/2024

Grupos en Loita reclama a reapertura de Súbete ó Castro no 10º aniversario do seu peche por parte do Concello

  • O colectivo critica as palabras do concelleiro de Facenda de Vigo, Jaime Aneiros Pereira, no pleno de onte, no que dixo que este espazo fora “un fracaso estrepitoso”.
  • O 21 de novembro de 2014, o Concello pechou os locais de Súbete ó Castro sen previo aviso, afirmando que o facían para solucionar un problema de humidades.
  • Agora, advirten dende Grupos en Loita, “está a suceder o mesmo coa Casa da Xuventude, pechada sen previo aviso hai medio ano supostamente por reparacións”.
Grupos en Loita reclama a reapertura de Súbete ó Castro no 10º aniversario do seu peche por parte do Concello

Vigo, 15 de novembro de 2024. A plataforma de bandas Grupos de Vigo en Loita está a reclamar a reapertura do espazo Súbete ó Castro, que contaba con local de ensaio e outras instalacións dirixidas á mocidade viguesa. O motivo disto é que o vindeiro xoves, día 21 de novembro, faranse 10 anos do seu peche definitivo en 2014 por parte do Concello de Vigo, que clausurou o edificio sen previo aviso alegando que se facía temporalmente para solucionar un problema de humidades.

Grupos en Loita criticou onte en redes sociais as palabras ao respecto do concelleiro de Facenda e portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Vigo, Jaime Aneiros Pereira, que se adiantou unha semana á efeméride afirmando que o programa Súbete o Castro “foi un fracaso estrepitoso”. Fíxoo no pleno municipal de onte en resposta a unha intervención do Bloque Nacionalista Galego, que pide a reapertura do espazo facéndose eco das demandas do colectivo de músicas e músicos da cidade.

No Súbete o Castro a mocidade non só podía ensaiar cos seus proxectos musicais e facer outras actividades culturais, deportivas e lúdicas, senón tamén participar nos xa míticos Castroconcertos. Nestes espectáculos gratuítos, que facían uso do entorno natural pero céntrico das instalacións, forxáronse varias xeracións de grupos vigueses durante a case década e media de vida do programa. Miles de persoas participaron ou acudiron a estes eventos.

Dende Grupos en Loita pregúntanse “que entende por fracaso estrepitoso o Goberno municipal, e en que cabeza cabe que un programa que acolleu centos e centos de iniciativas para a mocidade moi concorridas fose un fracaso”. “Só pode consideralo un fracaso alguén a quen non lle importe a cultura ou que a mocidade teña alternativas de ocio enriquecedoras”, sentencian dende a plataforma. “Xeracións enteiras de músicas e persoas afeccionadas lembran aínda, 10 anos despois, con moitísimo agarimo o Súbete o Castro, como comprobamos co éxito que ten calquera publicación en redes sociais sobre o tema”, engaden.

“Agora está a suceder o mesmo coa Casa da Xuventude, pechada sen previo aviso hai medio ano supostamente por reparacións das que nunca volveron informar”, advirten dende Grupos en Loita. A Casa da Xuventude tamén tiña a disposición das bandas unha sala de ensaio, que deixou de funcionar aproximadamente na mesma época na que pechou o Súbete o Castro. “Nunca hai que fiarse dos peches indefinidos do Concello como este, pois non só pecharon a traizón o espazo do Castro, senón que tamén intentaron facer o mesmo con Vigosónico na pandemia, foi a presión popular a que obrigou a reabrir as instalacións de Valadares”, afirman.

Grupos en Loita naceu en xaneiro de 2022 para esixir a reapertura das salas de ensaio de Vigosónico, un obxectivo logrado parcialmente uns meses despois e de xeito definitivo en maio de 2023. A plataforma permanece activa visibilizando diversas cuestións que afectan ás bandas viguesas, como a súa practicamente total ausencia na programación musical municipal ou os peches de concertos na cidade por parte da Policía Local.

Concertos de artistas locais

Recentemente o colectivo de grupos estivo centrado na reclamación de que as bandas locais sexan teloneiras nos concertos de verán en Castrelos e de que se celebre o festival de bandas locais Rock in Vigo que o Concello prometeu o pasado ano. Abel Caballero referiuse precisamente a estas cuestións en varias entrevistas a medios de comunicación nos últimos meses, nas que afirmou que “los grupos no quieren teloneros” e que a espera entre dous artistas “es romper un poquito el concierto”, a pesar de que houbo polo menos 15 espectáculos con teloneiros en Castrelos dende que el é alcalde.

Tamén dixo Caballero que “una vez llevamos uno de los grandes grupos locales, no llenó ni la platea” de Castrelos, e que alí “tienes que meter por lo menos ya 30.000 personas”. Porén, dende 2007 só 4 artistas vigueses foron cabezas de cartel: Siniestro Total e Os Resentidos conxuntamente, Sen Senra e a Coral Casablanca. Con todos eles o alcalde celebrou un éxito de asistencia, incluso no caso da coral, a cuxo concerto en 2022 dixo que acudiron 3.000 persoas, lonxe das 30.000 que pón agora como requisito ás bandas locais.

Ademais, o rexedor dixo tamén que ía organizar “actuaciones de estos grupos en la Puerta del Sol” repetindo a promesa que fixo en 2023 de cara ao concerto de Guns ‘n Roses, do que finalmente se desentendeu. “En máis dun ano e medio dende que fixo esa promesa non contactou con ningunha banda nin deu ningún compromiso, polo que tememos que de novo será papel mollado e non se cumprirá”, lamenta Grupos en Loita. “De feito, algo así xa o prometeu a concelleira María del Carmen Lago Barreiro cando se reuníu connosco en 2022, e nada”, asegura.

“Se tanto lle preocupa a asistencia aos concertos de bandas locais, o espazo do Súbete ó Castro era perfecto para este tipo de eventos, así que ao mellor podería comezar por reabrilo”, suxire a plataforma. “É unha vergoña que haxa espazos públicos pagados cos cartos de toda a veciñanza pechados sen que ninguén poida facer uso deles”, asevera. Grupos en Loita anunciou que seguirá reivindicando a reapertura da Casa da Xuventude e do Súbete o Castro de cara ao aniversario do peche deste último nos vindeiros días.


Grupos en Loita /