A CIG reitera a súa demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega para rebaixar a factura a particulares e industria
Denuncia a hipocrisía dos gobernos español e galego e urxe combater a pobreza enerxética e impulsar a actividade económica.
A CIG exixe unha rebaixa efectiva da factura da luz en Galiza, para particulares e actividade económica, como vén defendendo desde hai anos con diversas iniciativas, múltiples alegacións ao proceso de revisión dos prezos da electricidade promovidos polo Goberno español e mesmo coa presentación de varias ILPs no Parlamento galego.
A central sindical considera insuficiente a rebaixa do 9%, que vén de anunciar o Goberno do Estado, a aplicar na parte fixa do recibo. Advirte do risco de que se incremente, aínda máis, a pobreza enerxética nun contexto como o actual, cos prezos dos produtos de primeira necesidade absolutamente desbocados mentres as empresas enerxéticas gañan millonarios beneficios.
Neste sentido, cómpre destacar que nos primeiros 6 meses deste ano 2022, a produción de enerxía eléctrica ten xerado para as compañías eléctricas que operan en Galiza case 1.000 millóns de euros (988,45 millóns de euros).
Ante esta realidade, a CIG reitera a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que desde hai décadas ten o noso país, mediante dúas medidas. A primeira, eliminando o pagamento da peaxe de transporte aos consumidores galegos, ante a cercanía dos centros de xeración, pola eficiencia enerxética, ao non producirse perdas de tensión, e ante o forte impacto no territorio da rede e infraestutura de evacuación e subministro aos centros de consumo.
E a segunda, aplicando unha redución do 10% da tarifa mensuala quen- sexa particular ou empresa- teña o seu domicilio en Galiza en concepto de bonificación polo impulso das enerxías renovábeis. Esta redución da tarifa que a CIG ten proposto hai un ano aos Gobernos, tamén sería de aplicación a calquera CCAA onde no ano natural anterior se dean ao mesmo tempo a concorrencia das seguintes circunstancias: unha produción de enerxía eléctrica por fontes renovábeis igual ou superior ao 70% da produción total da CCAA e se exporte unha porcentaxe igual ou superior ao 30%.
Neste sentido, o secretario xeral, Paulo Carril, denuncia a “hipocrisía” dos gobernos español e galego aos que chama a “superar o denominado prezo único para todo o territorio do Estado español, xa que ademais de ser cada vez menos certo, visto o que sucede nalgúns territorios, é inxusto para Galiza, que ten a indiscutíbel condición de produtora”.
Lembra que ás porcentaxes de exportación de electricidade que os organismos oficias acreditan, sumáselle o forte, agresivo e duro impacto que se leva soportando desde hai décadas pola implantación de instalacións de xeración de electricidade e “o novo proceso de colonización enerxética coa actual ofensiva eólica que, no franquismo destruíu os ríos e, agora, vai polas terras,montes, e mesmo o mar”. Unha situación que, apunta, “non ten reflexo nun abaratamento do prezo da electricidade”.
Así mesmo, a CIG critica que a Xunta de Galiza só se dedique a facilitar este proceso poñendo o noso país ao servizo das grandes empresas a costa de causar un grande e duro impacto e aumentando o empobrecemento das clases populares.
Enerxía ao servizo do pobo poder vivir dignamente
A central sindical propón, canda isto, a eliminación do mercado marxinalista para que cada tecnoloxía de xeración eléctrica se cobre segundo custos recoñecidos e auditados pola CNMC, que inclúan unha marxe de beneficio non superior ao 7%; a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade; a fiscalización das concesións hidroeléctricas e a súa reversión ao sector público,destinando os beneficios da produción a abaratar o custo da electricidade e a aplicación na tarifa do tipo mínimo do IVE (4%) eliminando o imposto á xeración (7%) que as empresas produtoras repercuten nos recibos.
Isto ademais de limpar a factura de cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (fomento das enerxías renovábeis, custos extrapeninsulares, déficit de tarifa etc.), así como os derivados da chamada “excepción ibérica” recollidas no Real Decreto. Custos que tiñan que ser asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado.
En todo caso, para a CIG teñen que se exixir compromisos industriais, de emprego e de participación pública para as empresas que opten á concesión de instalacións de produción de enerxía renovábel, que deberán ser adxudicadas a través dunha concesión administrativa e non dunha autorización.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, non ten dúbida algunha. Afirma que “son todas medidas que se poden aplicar, habendo vontade política”, na vez de ir aprobando “simples parches” que non resolven a grave situación, nin frean o encarecemento da factura da luz, nin combaten a pobreza enerxética, nin favorecen o tecido económico do noso país.