100.000 persoas ateigan Compostela para demostrarlle a Rueda que “A Xunta non pode calar todo un País”
- O berro de “Altri Non” foi un clamor que se espallou por toda a capital de Galiza contra o proxecto de macrocelulosa

Milleiros de persoas, arredor de 100.000, chegadas de todos os recunchos de Galiza colpasaron as rúas de Compostela para berrar ao unísono “Altri Non”. Un clamor, que lembrou á máis multitudinaria das manifestacións convocadas por Nunca Máis, contra a instalación da pasteira defendida polo goberno de Rueda e rexeitada polas galegas e galegos que quixeron deixar claro que “A Xunta non pode calar todo un país”.
O acto rematou na Praza do Obradoiro que apenas puido acoller á morea de mulleres, homes, crianzas, familias, maiores e mozas que acudiron a manifestar a súa repulsa á celulosa polo perigo que supón para o tecido económico e social, mais tamén para a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla e os sectores do mar que viven da ría da Arousa. Sectores que están directamente afectados por este proxecto que ameaza o seu futuro pero que non son os únicos.
Este proxecto afecta ao conxunto de Galiza, a instalación desta macrocelulosa implica mudar o modelo de país e por tanto afecta a todas as galegas e galegos que, con esta enorme mobilización demostraron que nin a Xunta, nin o PP os van facer calar.
Leti da Taberna e Lois Pérez conduciron o acto que contou coa actuación de grupos como Coro do Encaixe ou As músicas da Ulloa poñendo música a unha protesta masiva que concluíu coa lectura do manifesto.