Esquerda Unida apoia a mobilización do día 21 contra a xestión da xunta da vertedura plástica
Esquerda Unida apoia a mobilización convocada para o domingo 21 de xaneiro en Compostela en protesta pola xestión da Xunta na crise da vertedura de pellets de plástico nas costas galegas e participará canda os colectivos convocantes.
Compostela, 16 de xaneiro de 2024. Esquerda Unida vén denunciando o desleixo da administración autonómica na xestión e limpeza da vertedura, intentando primeiro cargar coas súas competencias e responsabilidades aos concellos e ante evidencia do abandono, tentando trasladar a responsabilidade ao Goberno Central.
En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, “A realidade é que a Xunta elude as súas responsabilidades e abandona á súa sorte ao noso medio deixando que mariscadoras, pescadores e voluntarias ecoloxistas sexan as que coas súas mans levan semanas limpando as costas. É unha actuación totalmente irresponsable.”
Esquerda Unida, a través do seu eurodeputado Manuel Pineda, ten reclamado en Bruselas á Comisión Europea que investigue e monitorice esta xestión neglixente da Xunta de Galicia. As verteduras poderían afectar á Rede Natura 2000 e Esquerda Unida chama á Comisión a poñer os medio para evitar que o impacto avance e poida ser maior que nestes momentos.