Redacción •  Galicia •  16/03/2023

Néstor Rego reclama a Pilar Llop a creación de xulgados de violencia de xénero na Galiza

A frente nacionalista demanda á ministra de Xustiza cumprir os acordos co BNG e traballar na loita contra a violencia machista: “hai que pasar das palabras aos feitos a través de políticas públicas efectivas”.

“Nun momento en que existe un grave colapso da xustiza, o Ministerio do ramo debe avanzar no calendario para a creación de xulgados específicos nas cidades en que aínda non existen” xustifica Rego.

Néstor Rego reclama a Pilar Llop a creación de xulgados de violencia de xénero na Galiza

Durante a comparecencia da Ministra de Xustiza, Pilar Llop, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamoulle “actuar xa e traballar de maneira efectiva na loita contra a violencia de xénero” a través da creación de novos xulgados de violencia machista na Galiza nas cidades galegas, comezando polos comprometidos en Ourense, Lugo e Santiago de Compostela”. Máis unha vez, a frente nacionalista incide na necesidade de que o Goberno do Estado cumpra os seus compromisos -recollidos, por exemplo, no Acordo de Investidura- e aumentar o número de organismos en cidades da Galiza que, a día de hoxe, carecen deste tipo de xulgados especializados, a pesar de que existen informes que sinalan a necesidade de avanzar na súa creación.

“Unha das liñas de traballo do BNG durante esta lexislatura no Congreso foi a loita contra a violencia de xénero. Tanto é así que incorporamos no Acordo de Investidura a creación de tres xulgados específicos de violencia de xénero na Galiza para esta lexislatura: en Ourense, Santiago de Compostela e Lugo” lembra o deputado do BNG. Pola contra, explica Rego, o Goberno do Estado non estabeleceu aínda un calendario concreto para aclarar cando estarán operativos. “A pesar, inclusive, de que presentamos emendas aos proxectos de Orzamentos para 2021, 2022 e 2023 -rexeitadas por PSOE e UP- e o rexistro de varias iniciativas na cámara” engade.

Para a organización nacionalista, se de verdade se quere traballar en prol da igualdade e loitar contra a violencia machista “o Goberno do Estado debe pasar das palabras aos feitos a través de políticas públicas efectivas”.

De facto, existen informes como as Memorias do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero que avalan a proposta do BNG para a creación destes xulgados específicos. “Reitérase a recomendación de avanzar na especialización de xulgados relacionados coa violencia contra as mulleres do mesmo xeito que o Servizo de Inspección sinalou en numerosos informes a necesidade de crear órganos instrutores e de axuizamento, a especialización ou mesmo a comarcalización dalgúns dos xa existentes” enfatiza o deputado do BNG durante a comparecencia.

“Queremos xulgados especializados en todas as cidades galegas en que non existen -até agora só na Coruña e Vigo- comezando por aqueles que o Goberno xa tiña comprometido para esta lexislatura en Ourense, Lugo e Santiago de Compostela, mais prevendo tamén os de Ferrol e Pontevedra. Nun momento en que existe un grave colapso da xustiza, o Ministerio do ramo debe avanzar no calendario para a súa creación” xustifica Rego. Para o deputado nacionalista “non é só unha cuestión de número, é unha razón de xustiza. A sociedade no seu conxunto debe acompañar a loita contra a violencia machista e combater esta lacra, levando a cabo políticas feministas en que as mulleres sexan o centro e o suxeito protagonista”.


violencias machistas /