CCOO asina con outras organizacións o «Pacto por unha enerxía eólica sostible para Galicia»
- O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras asinou este martes en Santiago de Compostela o «Pacto por unha enerxía eólica sostible para Galicia». O documento, subscrito tamén por Unións Agrarias, UGT, PSdeG, Ventonoso e Fademur, senta as bases dun amplo acordo social e político para un despregamento ordenado das enerxías renovables, especialmente da eólica, cunha perspectiva de país e retorno social. A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, advertiu que «a discusión non é “eólicos si, eólicos non”, senón como o facemos», pois a transición enerxética e ecolóxica «veu para quedar e non podemos mirar para outro lado».
Na súa intervención, a sindicalista sinalou que a dependencia enerxética é un problema para Galicia, especialmente nun contexto en que os países europeos padecen a «chantaxe» de Rusia. Isto fai «inevitable», pero tamén «urxente», a aposta polas renovables.
Rigor, traballo e seriedade
Amelia Pérez foi crítica con outras organizacións sindicais e políticas que se sitúan «no non polo non». Fronte a isto, defendeu que «con rigor, con traballo, con seriedade, todo é posible». «Aquí viñemos hoxe marcar unha folla de ruta imprescindible para abordar e marcar os retos de futuro deste país», incidiu.
Deixamento de funcións
A secretaria xeral de CCOO lamentou que hai Administracións que están facendo un «evidente deixamento de funcións» nesta materia. «Levamos tempo reclamando a toma de decisións para non nos vermos abocados á chantaxe» enerxética que agora se manifesta de xeito «máis evidente» coa guerra en Ucraína.
Beneficios no territorio e no emprego
Por último, Amelia Pérez defendeu que este pacto pretende rendibilizar en Galicia o despregamento das renovables, para que a mellora «redunde no territorio e na sociedade», e apelou á «responsabilidade social, territorial e institucional» que deben ter as empresas do sector. Así mesmo, lembrou que o emprego que se pode crear nas renovables é «de alto valor engadido, con boas condicións laborais e salariais», o que supón «un elemento máis para ter en conta», concluíu.