Redacción •  Galicia •  16/06/2024

BNG denuncia a falta de financiamento en centros onde se imparte o ciclo medio de Guía do medio natural e do tempo libre

  • Acusa ao PP do desmantelamento do ensino público en beneficio das empresas privadas, prexudicando as familias con menos recursos
BNG denuncia a falta de financiamento en centros onde se imparte o ciclo medio de Guía do medio natural e do tempo libre

A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández denunciou este venres na Comisión 4ª a falta de financiamento de catro centros que imparten o ciclo de Guía do medio natural e do tempo libre, o que considera outro exemplo do “desmantelamento do ensino público en beneficio das empresas privadas”, prexudicando así as familias con menos recursos.

Trátase dos Institutos de Educación Secundaria IES de Poio, o IES Pintor Colmeriro de Silleda, o IES Terra de Turonio de Gondomar e o IES Porto do Son, que teñen na súa oferta educativa este ciclo medio.

O ciclo conta con módulos específicos que teñen que impartirse fóra das instalacións do centro educativo, o que repercute nos orzamentos e en diversos aspectos organizativos e de xestión. Fernández expuxo que “o alumnado precisa facer prácticas de equitación, natación, socorrismo, escalada, paddle, ou piragüismo, sen contar o centro coas instalacións apropiadas, polo que deben recorrer ao alugueiro de instalacións externas”.

Advirte que “é o centro o que asome os gastos de desprazamento do alumnado a estas instalacións”, así como a de alugueiro e material necesario para impartir o ciclo, neoprenos, cascos, bicicletas, etc., que ademais, teñen que ser repostos periodicamente por seguridade.

O BNG acusa a Consellería de Educación de “non adxudicar unha partida específica para os gastos deste Ciclo Medio que podemos establecer entre os 30.000 euros do IES Porto do Son ata os case 60.000 do IES de Poio” dependendo sobre todo das instalacións que precisen alugar de xeito externo en cada un deles. O centro debe dispoñer da metade do seu orzamento anual para atender estes ciclos, “deixando de facer investimentos necesarios en material escolar, mobiliario, actividades etucativas ou reparacións e mellora nas súas instalacións”, subliñou.

O primeiro ano de implantación do ciclo como LOE a administración transferiu 38.000 euros para gastos de implantación, partida que se debía gastar nese mesmo ano. A partir desa anualidade, todos os gastos sufráganse cos orzamentos dos centros. Logo de reiteradas peticións por parte das direccións, concedeuse unha partida complementaria puntual que alivia “mais non cobre todas as necesidades”, advertiu Fernández.

Ideas “peregrinas” como resposta

Ante esta situación, e despois “dunha morea de peticións” de reunións coas autoridades educativas en Santiago e Pontevedra, o pasado 3 de xuño “por fin conseguen manter unha xuntanza onde estaban presente, entre outros, a Directora Xeral de FP, M. Eugenia Pérez, e na que “lonxe de poñer enriba da mesa as cantidades que son precisas para atender o normal desenvolvemento do ciclo, presentan ideas “peregrinas” dun “suposto aforro” que debe pasar por facer todas as prácticas nos centros educativos, cuestión “totalmente imposible pola falta de instalacións específicas como, por exemplo, piscina regulamentaria”.

Outra das ideas suxeridas aos institutos foi a de ofertar nas súas instalacións cursos de profesionalización para desempregados cun orzamento específico, onde o centro destinaría o sobrante a compensar parte dos custos do ciclo.

Pero, sen dúbida, o punto máis sorprendente foi “a que debe ser a súa idea estrela, a de usar gafas de realidade virtual en lugar de facer as prácticas que corresponden”, o que para Fernández Davila, demostra claramente a “falta de interese e coñecemento dos currículos dos módulos que compoñen os ciclos” por parte por parte de quen dirixe a educación na provincia e no País.

“Como se lle pode ocorrer a ninguén dicir que unhas gafas de realidade virtual poden substituír ás prácticas no medio real de cada unha delas?”. Fernández amosoulle á directora xeral o recorte de prensa no que recollía a parodia dos alumnos e alumnas do IES de Poio despois de coñecer esta idea proposta pola administración.

Na súa réplica, a portavoz de educación do BNG cualificou de “vergonza a imaxe que están dando no manexo do problema que teñen os IES de Poio, Terras de Turonio, Pintor Colmeiro e Porto do Son” e o “agravio comparativo” entre os recursos dos que dispoñen os centros que imparten ciclos formativos e que os incapacita para continuar impartindo unha ensinanza que é de “extremo interese para o alumnado destas comarcas”.

A deputada nacionalista acusou ao PP de “aproveitar a nova normativa da FP estatal para abrir a porta a empresas privadas que nen sequera están dentro do ámbito da ensinanza”, contribuíndo ao “descenso en picado da excelencia educativa da FP da que vostedes tanto alardean”. “Nos últimos 15 anos asistimos ao desvío dos fondos públicos cara ao privado, pero con isto estanse a superar”, criticou.

“Fagan o seu traballo, tramiten as modificacións orzamentarias que sexan pertinentes e asuman os custos” para manter este ciclo de Guía de medio natural e tempo libre nestes centros educativos que “xa chegaron ao límite das súas posibilidade e onde as súas direccións están a espera de que a administración autonómica á que pertencen os apoie e facilite a súa xestión”, rematou.


educación /