O persoal da plataforma loxística de Froiz “O Marco” irá á folga os días 22, 23 e 24 de xullo
O persoal do almacén de Froiz no Marco, en Pontevedra, acordou ir á folga os días 22, 23 e 24 de xullo ante a denegación de xeito tallante da empresa ás peticións da CIG de avanzar na equiparación salarial coa plataforma loxística de Lourido. Previamente á folga, o persoal concentrarase este venres ás 13:45h diante do centro de Lourido.
Acadar esta equiparación é unha demanda histórica de todo o persoal que traballa na plataforma do Marco xa que a final de mes as súas nóminas son de media 200 euros máis baixas que as dos compañeiros e compañeiras que traballan en Lourido, pese a desenvolver o mesmo traballo.
A representación da CIG neste centro lembra que durante moito tempo Froiz asegurou que esta discriminación remataría cando todo o persoal de loxística do grupo se trasladara á nova plataforma situada no polígono industrial de Barro-Meis. A pesar disto, «a empresa rachou a súa promesa comunicándolle á representación do persoal que non abondonará o Marco e que lle conferirá un carácter de segunda».
Para o delegado da CIG, Iván Pazos, o acontecido «é grave xa que rompe coa relación de confianza que Froiz parecía ter cos seus traballadores e traballadoras no relativo ao seu futuro e co prometido nos últimos sete anos».
O representante da CIG indica que nos últimos meses a dirección da empresa non quixo nin negociar nin falar dos pluses que permitirían igualar os salarios. Ante esta situación, sucedéronse mobilizacións que agora dan paso a un calendario de tres días folga, porque «o único camiño que nos deixou a empresa foi o de mobilizarnos para reclamar o que é xusto”.
Os días de folga desenvolveranse os vindeiros 22, 23 e 24 de xullo, e afectarán á totalidade das preto de 80 persoas que traballan no almacén do Marco.