Redacción •  Galicia •  16/08/2023

O BNG advirte do risco de pechar os parques de bombeiros e esixe ao Goberno do PP que negocie cxs traballadorxs

Iago Tabarés denuncia que a falta de medios nos consorcios provinciais obrigou a suspender xa servizos en Vilagarcía, Viveiro, Verín ou Bueu

Empraza á Xunta a “rectificar na súa intransixencia” respectando as condicións laborais para velar tamén pola seguridade das persoas

O BNG advirte do risco de pechar os parques de bombeiros e esixe ao Goberno do PP que negocie cxs traballadorxs

16/AGO./23.

O deputado do BNG Iago Tabarés vén de denunciar a falta de medios materiais e persoais que veñen sufrindo os Consorcios Provinciais de Incendios e Salvamento, unhas carencias que xa teñen obrigado ao peche dalgúns parques comarcais de bombeiros, como sucedeu cos de Vilagarcía, Viveiro, Verín ou Bueu.

 “No momento de maior risco de incendios estanse pechando parques por falta do persoal necesario, o que provoca unha deficiente cobertura nas emerxencias”, advirte o deputado nacionalista, que lembra que recentemente se tiveron que mobilizar bombeiros dende O Porriño para atender unha alerta por incendio en Cangas porque estaba pechado o parque de Bueu.

Tabarés, que xa rexistrou unha iniciativa no Parlamento Galego por esta cuestión, achaca á “intransixencia e neglixencia” da Xunta o peche dos parques, pois o Goberno do PP tense negado a negociar cos traballadores e traballadoras dos mesmos, inmersos nun conflito laboral que o pasado mes de xuño lles levou a convocar unha folga pola que deixaron de realizar, de xeito voluntario, horas extraordinarias.

“Esta medida evidenciou a carencia de persoal existente nos Consorcios Provinciais de Extinción de Incendios e Salvamento, polo que dende a adopción de tal medida practicamente cada día algún parque comarcal houbo pechar o servizo por carecer de efectivos mínimos para atendelo”, denuncia o deputado do Bloque na súa iniciativa.

Ante a persistencia do conflito e as consecuencias do mesmo, o BNG esixe de novo á Xunta que sente a negociar cos traballadores e traballadoras dos consorcios, que reclaman da Administración melloras laborais e sociais e, conforme aos criterios establecidos polo Tribunal Supremo, a integración como persoal laboral do cadro de persoal que fora subrogado cando os parques comarcais de bombeiros pasaron á xestión pública directa.

“Dende o BNG esiximos á Xunta responsabilidade e que rectifique a súa postura de intransixencia, que negocie e respecte as condicións laborais dos traballadores e traballadoras dos consorcios para velar tamén pola seguridade das persoas”, manifesta o deputado nacionalista, lembrando que o PP xa ten votado en contra de anteriores iniciativas presentadas polo Bloque neste sentido.  

A maiores, traballo de Seaga

Tabarés critica ao Goberno do PP por non ter adoptado medidas para paliar a situación, pero tamén por agravala aínda máis ao “derivar aos parques comarcais traballos que corresponden á propia Administración autonómica e cuxa execución corresponde á empresa pública Seaga”.

Neste sentido, pregunta na súa iniciativa cantos foron os niños de velutina retirados diariamente en Galiza durante este ano 2023, e cales deles foron retirados por intervención da empresa pública Seaga e cales polo persoal dos parques comarcais pertencentes aos Consorcios Provinciais de Bombeiros.  


BNG /