Redacción •  Galicia •  16/09/2020

Amigos da Terra considera que o PLADIGA non está a cumplir os seus obxectivos

O Plano de prevención de incendios elaborado unilateralmente pola Xunta de Galicia segue na mesma dinámica dos últimos anos apostando todo a extinción e afondando no «cancro con metástase» que supoñen os incendios forestais para os montes e ecosistemas forestais de Galicia.

Amigos da Terra considera que o PLADIGA non está a cumplir os seus obxectivos

As distintas organizacións sociais temos detectado fallos e eivas que afectan ao normal funcionamento na aplicación do PLADIGA, erros do conxunto do plano de prevención de incendios forestais da Xunta de Galicia que afectan gravemente ao patrimonio natural, a economía e ao conxunto da sociedade do país, mais a teimudez e a política unilateral imposta pola administración da Xunta nin procura a busca de solucións nin de alternativas para saír da espiral «máis incendios, máis medios, máis incendios, máis…»

Desde os primeiros PLADIGAS ata hoxe séguese sen ter en consideracións as situacións meteorolóxicas que se producen ao longo do ano, séguese coa coa tradicional definición da “época de máximo risco” que nalgúns casos se ten ampliada ata o 31 de outubro. Os incendios forestais non teñen data fixa no calendario, o incremento do número de incendios forestais, a situación pola que están a pasar os nosos ecosistemas forestais e o propio cambio climático «Crise Climática Global» obrigan a que o operativo de prevención e extinción de incendios forestais se poida expandir ou contraer en función das necesidades reais que se produzan en cada momento cos medios materiais, técnicos e humanos precisos.

Nos últimos anos en épocas de máximo risco hai unha falla de vixilancia as 24 horas do día en días de perigo alto ou extremo con moitas zonas de “sombra” (os incendios son comunicados polos cidadáns ou os medios dos servizos forestais nos seus desprazamentos cotiás…) hai incendios que cando se sabe deles xa teñen unhas dimensións considerables cun maior risco de propagación, maior risco para as persoas e os bens, incremento dos custes de extinción…Non se poden ter pechadas casetas/torretas de vixilancia estratéxicas para unha axeitada protección dos ecosistemas forestais substituindo estes puntos de vixilancia con profesionais exclusivamente por cámaras. A vixilancia ao traveso dos postos fixos segue sendo o mellor e máis eficaz método de detección e prevención de incendios. Os vixiantes son habitualmente da zona onde realizan o seu traballo e coñecen os lugares e teñen unha gran experiencia na detección inmediata e a interpretación da vexetación que está ardendo inicialmente así como os accesos máis doados para os medios de extinción.

Nos incendios da Bisbarra de Monterrei en días con grandes incendios e con (IRDI extremo) (por exemplo o 24 de xullo) non había en todo o Distrito XIV Verín-Viana unha soa caseta operativa de noite no conxunto do distrito forestal.

Non se cubren tódalas baixas do persoal de prevención e extinción propias (brigadas da Xunta de Galicia tanto fixos como fixos-discontinuos), moitas brigadas día tras día só entran con dous ou tres compoñentes ou incluso 1 só compoñente, a media debe de ser de cinco brigadistas/bombeiros forestais como mínimo por brigada para garantir a operatividade e a protección tanto dos compoñentes das brigadas de extinción-prevención como para a protección da colectividade e dos ecosistemas.

Na noite do 26 de xullo no Distrito Forestal XII Miño-Arnoia con (IRDI extremo) en parte da noite había operativa unha soa brigada integrada por tres compoñentes (Distrito Forestal cunha superficie de máis de 112.000 hectáreas).

O convenio coa FEGAMP é un paso atrás na imprescindible profesionalización duns traballos de alto risco, non se garante unhas condicións salariais axeitadas, non se garante o equipamento material e técnico axeitado, non se garante a formación imprescindible para a extinción de incendios e a realización das labores de prevención dos traballadores e traballadoras contratadas polos concellos, a selección do persoal tampouco se realiza baixo criterios e principios de publicidade, mérito e capacidade…Todo isto, demostrado nos últimos anos, conleva unha maior descoordinación, menor eficacia, maior desprofesionalización duns traballos onde o perigo e o risco son unha constante.

Vehículos autobombas, imprescindibles para a extinción de incendios, non se cubren as 24 horas do día, débense cubrir tódalas baixas ou xubilacións de autobombistas. Débese realizar un reparto das autobombas en función do valor dos ecosistemas e das localizacións máis estratéxicas para a súa eficaz operatividade.

Baixas de axentes forestais sen cubrir (Distritos Forestais onde tiña que haber entre 20-23 axentes ambientais/axentes forestais só están operativos para traballos de prevención-extinción de incendios 14-15 axentes) isto afecta directamente a eficacia do operativo de prevención-extinción de incendios, maior carga de traballo, suspensión de vacacións, incumprimento da lexislación existente en canto a compatibilización da vida laboral e familiar, maior perigo para os ecosistemas forestais de Galicia por unha menor protección, maior tempo de reacción diante dos incendios e menor eficacia por non poder realizar as labores propias destes profesionais por falla de persoal. Distritos Forestais cunha superficie de máis de 112.000 hectáreas hai quendas nas que só se conta con un axente por quenda na metade da xornada. Distritos forestais con 113.000 hectáreas teñen menos axentes forestais/ambientais que distritos con só 59.000 hectáreas, feito agravado nos últimos anos por baixas médicas, xubilacións ou disgregación dos axentes en dúas consellerías polo que tratase de cubrir os servizos con moitos menos efectivos.

Este ano asignaron nalgún distrito tarde e mal a tres axentes ambientais sen formación previa e para cubrir só até o mes de outubro as vacantes que é preciso cubrir todo o ano.

Infrautilización de medios e recursos con que conta o conxunto de Galicia (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías…), medios gardados nos garaxes ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais PLADIGA, demostración da falla dun “Plano de Emerxencias de Incendios Forestais Integral” plano que debe contar cun “mapa de Medios e Recursos” dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa e cando se producen. A falla deste mapa de medios e recursos fai que se produzan desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 100 quilómetros dentro da provincia mentres a carón de onde se produce o incendio forestal (5-15 minutos) hai autobombas ou maquinaria parada, infrautilizada. É preciso optimizar os medios e recursos públicos dispoñibles con elo melloraremos a operatividade, melloraremos o tempo de reacción, melloraremos a extinción dos incendios e minimizaremos os efectos dos mesmos cando se produzan.

Non é certo que haxa 7.000 persoas no operativo de extinción de incendios forestais de Galicia pois moitas das persoas que din estar operativas na realidade non están a disposición ou sinxelamente son prazas vacantes ou baixas sen cubrir.

Incumprimento e falla de coñecemento, do persoal asignado ao PLADIGA, do «Plan de Prevención de Riscos Laborais» e dos «Plans de Acción» a levar adiante nos servizos forestais públicos da Xunta de Galicia. Tanto ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais como aos Distritos Forestais tense solicitado de palabra e por escrito o cumprimento da normativa de aplicación.

Os traballos de extinción de incendios forestais son labores de alto risco, despois de 25 anos da aprobación da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, actualizada polo Real Decreto lexislativo 5/2000 e reformada pola Lei 53/2003 non se imparte a imprescindible formación a todo o persoal que participa no PLADIGA, nin sequera se informa ao persoal de maneira axeitada. É bo lembrar que a prevención e a extinción de incendios forestais é un dos sectores con maior sinistralidade e con máis mortes por accidentes laborais. É urxente por en marcha cursos de formación e a aplicación efectiva do plan de acción elaborado polo servizo de prevención e medidas axeitadas para mellorar a operatividade e a prevención de accidentes previsibles e evitables.

Na maioría dos Distritos Forestais non hai reunións para alomenos analizar os erros que se producen, buscar a forma de mellorar a operatividade e funcionamento do Distrito, coordinar os propios medios con que conta a Consellería, coordinarse axeitadamente con outros medios que integran o operativo PLADIGA…non se respectan a distintas estruturas operativas do Distrito nin as funcións de cada un dos seus integrantes. Na ampla maioría dos casos funcionase por inercia e sen un obxectivo claro. Distritos onde non hai ningunha reunión ao longo de todo o ano. Sen unificar criterios na xestión do persoal propio, organización do traballo, horarios, vacacións, reunións de coordinación, estrutura e funcionamento dos distritos forestais. 5 distritos forestais por provincia, 19 distritos forestais en Galicia, 19 territorios que funcionan cada un a súa maneira sen protocolos claros e sen unificación dos criterios máis básicos.

Os traballos de prevención de incendios (áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños, desbouzados, faixas de xestión de biomasa…), non se realizan ao seu debido tempo. Nos últimos anos nas portas das «Épocas de Máximo Risco», a maioría dos traballos de prevención do 2020 están sen realizar ou estanse realizando a presa e ao chou, unha boa parte realízanse fóra da época axeitada non cumprindo co obxectivo que debe ter unha política de prevención de incendios forestais. Feitos e actuacións que lamentablemente ocurreron no ano 2017, no 2018 e no ano 2019, feito e actuación que de novo se está repetindo neste 2020. Os traballos de prevención de incendios forestais e de xestión de biomasa deben de realizarse antes do mes de xullo de cada ano.

Nos PLADIGAS faise referencia a accións dirixidas a poboación, entre outras “accións sociolóxicas e de educación ambiental”, outra mentira máis pois a realidade é que a maior parte das chamadas “Aulas Forestais” están pechadas. Non houbo, non hai campañas de formación/sensibilización dirixidas ao conxunto da poboación escolar e tampouco a cidadanía, un dos teóricos obxectivos que non se cumpren por que non hai vontade de levar adiante estas actuacións imprescindibles para mudar comportamentos «non se valora o que non se coñece» se queremos cambiar determinadas pautas de comportamento e se queremos que se poñan en valor os ecosistemas forestais de Galicia débense levar adiante campañas de educación e sensibilización dirixidas á poboación escolar e ao conxunto da cidadanía. Incluso os propios datos facilitados nos PLADIGAS e nas estadísticas da Consellería do Medio Rural non se corresponden coa realidade das actuacións levadas a cabo.

Convenio de colaboración coas forzas armadas do Estado español para a prevención de incendios forestais, nin cumpriu nin cumpre cós seus obxectivos, outro gasto cargado aos contribuíntes de Galicia inxustificado e de demostrada ineficacia. Cos perto de 600.000 euros (media orzamentada nos últimos anos para a colaboración da operación «Centinela») poderíanse cofinanciar programas agroambientais para evitar o uso tradicional do lume como ferramenta, programas de educación/sensibilización medioambiental, ou xestionar a biomasa nas faixas de prevención ao longo de 2.400 quilómetros de camiños forestais e estradas. Preguntámonos ao igual co resto da poboación de Galicia canto custou o despregue da UME nos incendios acontecidos nos últimos anos, catro millóns e medio de euros, cinco millóns de Euros de media anual? É imprescindible informar e ser transparente no gasto do diñeiro público así como ter en consideración a súa eficacia ou dispendio de selo caso.

Falla de divulgación do PLADIGA entre os propios integrantes que teñen que cumprir este protocolo de actuación, o PLADIGA presentado tódolos anos no Consello Forestal de Galicia e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, non deixa de ser un plano mediático pois unha boa parte do operativo de prevención e extinción de incendios forestais non o coñece, non se coñecen as funcións, responsabilidades que cada un dos colectivos ten, obxectivos, prioridades…non resulta doado cumprir un plano cando non se da a coñecer ao conxunto das persoas e colectivos que participan no mesmo.

Nos incendios forestais prodúcese a morte de centos de miles de animais tanto domésticos como animais silvestres que son atrapados polas lapas. En moitos países hai elaborados protocolos de actuación para evacuar os animais domésticos así como protocolos para proceder a protección e rescate de mamíferos e aves silvestres co fin de realizar estes traballos con criterios de profesionalidade e eficacia. Nas 179 páxinas do PLADIGA non hai unha soa liña adicada a protección e rescate dos animais no caso de incendio forestal polo que urxe elaborar un protocolo de actuación en colaboración cos veterinarios, biólogos, asociacións…

O informe elaborado polo Consello de Contas no 2016 debería facernos reflexionar a todos e todas (O Plan Forestal de Galicia elaborado no 1992 e que sinalaba a ruta da política forestal ata o ano 2030 previa que se adicara un 13 % do diñeiro a prevención e extinción de incendios e o 87% ao fomento e desenvolvemento forestal), a realidade é que se adica máis dun 80% a extinción de incendios forestais e un escaso 20% a prevención ou políticas de desenvolvemento dos ecosistemas forestais (estamos moi lonxe do que ten que ser unha política forestal equilibrada na que se busque a sustentabilidade do patrimonio forestal e dos ecosistemas de Galicia). No 2020 séguese cos mesmos erros cos denunciados no 2016 polo Consello de Contas de Galicia.

O caso da provincia de Ourense merecen unha análise aparte pola incidencia e efectos da lacra incendiaria nos seus ecosistemas. Ano tras ano Ourense soporta unha media da metade dos incendios forestais de Galicia e no territorio desta provincia calcinase entre o 30% ao 50% da superficie do conxunto do territorio galego. Ourense precisa máis medios, máis recursos, unha maior prevención e un trato diferenciado polo número anual tanto de incendios como pola superficie calcinada.

Investigación de causas, para realizar unha boa prevención é preciso realizar unha investigación profesionalizada, específica e axeitada. Dada a alta intencionalidade en determinados territorios de Galicia, dado cos lumes prodúcense recorrentemente nos mesmos lugares e dada a comprobada e demostrada ineficacia na investigación ou cambiamos a maneira de proceder ou seguimos incorrendo nos mesmos erros. «Cada incendio ten que ter nome e apelidos» en Galicia máis do 99% dos incendios forestais son causados polo ser humano (intencionados, neglixencias, accidentes) polo tanto son previsibles e evitables. Unha boa prevención pasa previamente por unha axeitada investigación das causas, pautas de comportamento dos incendiarios, fallos e incumprimento do lexislado na rede de infraestruturas…

COVID-19, dada a situación creada pola pandemia a nivel global, tendo en consideración os consellos, protocolos elaborados e directrices non é de recibo que nos Servizos Públicos Forestais da Xunta de Galicia non se cumpra estritamente co aconsellado e legalmente establecido.

Expostas todas as demandas e propostas referentes ao PLADIGA 2020 e dado que seguimos na mesma dinámica dos últimos anos, tendo en consideración que nin os nosos ecosistemas, nin a nosa economía, nin o propio futuro económico do país pode seguir aturando esta situación dende Dende Amigos da Terra solicitamos unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia para analizar as eivas apuntadas, e outras que poidan propor as distintas organizacións que formamos parte do Consello Forestal de Galicia, e para consensuar e intentar buscar as correspondentes solucións co fin de minimizar os efectos cos incendios forestais poden causar aos montes e ecosistemas de Galicia no que queda de 2020 e nos vindeiros anos.


Amigos da Terra /  FEGAMP /  Xunta de Galicia /