Redacción •  Galicia •  16/12/2022

Néstor Rego: “O BNG non pode apoiar a modificación regresiva introducida co delito de desordes públicas agravadas”

Néstor Rego recrimina a PSOE o seu voto en contra nas emendas do BNG que procuraban non retroceder nas liberdades públicas e dereitos democráticos e eliminaban as mudanzas introducidas en relación ás “desorde públicas”, que posibilitará a criminalización e penalización de mobilizacións e protestas sociais.

A frente nacionalista, maniféstase a favor da derrogación do delito de sedición e da modificación do de malversación con seguranza xurídica para evitar calquera fisura á corrupción, para o que pide endurecer o delito de enriquecemento ilícito.

Néstor Rego: “O BNG non pode apoiar a modificación regresiva introducida co delito de desordes públicas agravadas”

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que PSOE non apoiase as emendas rexistradas que buscaban eliminar o delito de desordes públicas agravadas, dado que a norma proposta vai posibilitar unha aplicación máis ampla na represión das mobilización e protestas sociais. O resultado final da Proposición de Lei, explica o deputado do BNG no Congreso, non pode contar co apoio da organización nacionalista, que si se manifesta partidaria de derrogar o delito de sedición ou a modificación do delito de malversación. 

O Bloque Nacionalista Galego mostrouse partidario de derrogar o delito de sedición por entendelo como un delito “anacrónico” e que “permitía unha utilización política por parte da xustiza para perseguir accións que, mesmo sendo pacíficas e democráticas, se considerasen un perigo para a continuidade do Réxime do 78”.

No caso da malversación, a proposta presentada “mantén unha penalización elevada para aqueles casos en que se produza corrupción, con lucro persoal ou de terceiros, graduando a pena en función da actuación e despenalizando aquelas que non correspondan ao obxectivo de combate contra a corrupción senón que entren dentro da actuación política, que nunca debe ser cuestionada pola xustiza. De facto, a redacción actual foi unha reforma do Partido Popular feita ad hoc no ano 2015 para o caso catalán e que permitía perseguir a disidencia política.

“Hai que evitar que os corruptos non paguen polos seus delitos por iso somos partidarios dunha regulación máis estrita do delito de enriquecemento ilícito. Parécenos excesivamente laxo, tanto no seu limiar mínimo de 250.000 euros como a definición de a quen pode ser aplicado” explica o deputado do BNG, Néstor Rego, que reclama máis contundencia para loitar contra a corrupción.

Mais, segundo sinala o deputado nacionalista, o Bloque Nacionalista Galego “non pode apoiar unha modificación do delito de desordes públicas que os agrava e que posibilitará criminalizar e penalizar a mobilización popular e a protesta social”. Unha regulación, explica Rego, que permitirá un uso máis amplo e extenso da represión das mobilizacións populares e da persecución -mesmo coa penas de cárcere- con “formas de protesta social habituais e pacíficas que permitiron conquistar dereitos e tamén mantelos ou avanzar para outros novos”.

Neste sentido, o deputado nacionalista lamenta a actitude dos deputados e deputadas de PSOE por votar en contra das emendas rexistradas pola frente nacionalista ao texto lexislativo que procuraban eliminar as mudanzas introducidas en relación ás “desorde públicas”. 


BNG /