Ana Pontón: “Quero ser a presidenta que defenda a saúde dos galegos e as galegas e poña fin a 14 anos de recortes na sanidade”
- Propón un plan de choque urxente de 200 millóns de euros para sacar a Atención Primaria do colapso e se compromete a rebaixar as listas de espera.
- A candidata do BNG advirte da intención das forzas estatais de trasladar as súas liortas madrileñas ás eleccións galegas “porque non teñen proxecto para o País”.
A portavoz nacional e candidata do BNG nas próximas eleccións, Ana Pontón, amosou este sábado o seu compromiso a ser “a presidenta que defenda a saúde dos galegos e das galegas por riba de todo e poña fin a catorce anos de recortes e privatizacións na sanidade pública”. “Urxe darlle a volta a unha situación de acoso e derribo á sanidade pública tras 14 anos de goberno do PP, que deixa unha sanidade peor da que encontrou”, asegurou durante a súa intervención no último dos foros sectoriais, neste caso dedicado á sanidade, que o BNG está celebrando xunto a profesionais de distintos ámbitos para seguir enriquecendo o seu programa electoral, xa moi avanzado.
Pontón explicou que o modelo alternativo do BNG en sanidade pasa por un incremento no financiamento, persoal suficiente, máis servizos sanitarios nos centros de saúde e a reversión progresiva das privatizacións, nas urxencias hospitalarias ou no transporte sanitario urxente, por exemplo.
A folla de ruta exposta pola portavoz nacional inclúe como primeira medida e máis urxente a posta en marcha nos primeiros cen días de goberno dun plan de choque dotado con 200 millóns de euros para “sacar a atención primaria do colapso”. Outra das prioridades na alternativa do BNG será, subliñou, rebaixar as listas de espera, en particular nas cirurxías e nas probas diagnósticas. “Temos que acabar co disparate de que haxa quirófanos e camas pechadas mentres hai persoas esperando para ser operadas”, manifestou Pontón, logo de advertir que hoxe en día “nada menos que un 14 % dos galegos e galegas está en lista de espera” (210.000 persoas agardan por unha primeira consulta hospitalaria, 47.000 por unha intervención cirúrxica e 119.000 por unha proba diagnóstica).
Dotar a Atención Primaria de máis servizos sanitarios, sobre todo de psicoloxía clínica, recuperar as xerencias e dar un trato preferente á saúde mental e á saúde das mulleres son tamén actuacións que o BNG levará no seu programa de goberno, segundo expuxo Ana Pontón, que se comprometeu así mesmo a dotar á sanidade pública de máis persoal e a poñer fin á precariedade e á sobrecarga laboral que sofren agora os profesionais dun cadro de persoal no que, citou como exemplo, o 52 % das traballadoras e traballadores de enfermería é temporal.
Planificar a formación para todas as especialidades e un plan de retorno, captación e fidelización de profesionais son algunhas das medidas que recolle, neste sentido, a alternativa para a sanidade pública do BNG.Foro sanidadeForo sanidade
“Fronte aos recortes e as privatizacións, o BNG propón reforzar a sanidade pública para darlle a volta á desfeita que deixa o PP”, resumiu Pontón antes de dar paso aos intervintes no foro, no que participaron representantes de plataformas en defensa da sanidade, de distintos colectivos como, entre outros, o das emerxencias sanitarias, Enfermeiras en Loita, a Asociación de Enfermería de Atención Primaria, o Movemento Galego de Saúde Mental, QuerENDO, asociación de Mulleres con Endometriose ou a Asociación polo Dereito á Morte Digna ou CIG Saúde.
Un foro no que se afondou sobre o estado no que se atopa a sanidade pública, con Galiza no penúltimo posto en investimento na atención primaria -só por diante de Madrid- tras soportar un recorte de 2.193 millóns de euros, esperas de até dúas semanas para obter cita en medicina de familia, urxencias cada vez máis saturadas, máis de nove mil persoas agardando por unha primeira consulta en psiquiatría, ou once mil nenos que non teñen asignado un pediatra, salientou.
Pontón fixo alusión á sanidade como unha das cuestións máis relevantes das que están en xogo nas vindeiras eleccións galegas, xunto a atención aos maiores, o futuro da xente moza, dos sectores produtivos ou do territorio do País. Eleccións coas que, afirmou, “Galiza ten que empezar a gañar” cun goberno liderado polo BNG preocupado por resolver os problemas reais da xente dende “o rigor, a solvencia e o realismo”.Foro sanidadeForo sanidade
Advertiu, neste sentido, de que as forzas estatais “non están no importante porque para elas Galiza non é importante”, mostrándose convencida de que non teñen un proxecto de País e por iso “van traer ás eleccións galegas as súas liortas madrileñas, unhas guerras que non son nosas, que nada nos interesan e que nada solucionan”.
“Nin precisamos, nin merecemos o seu ruído e a súa crispación madrileña. O único que demostran unha vez máis as forzas estatais que hoxe desembarcan en Galiza é que non teñen proxecto para este País, nin lles interesa. As eleccións non van de Sánchez nin de Feijóo, van de solucións para o noso futuro colectivo, de que nos fagamos valer e de avanzar”, insistiu.