Redacción •  Galicia •  16/12/2023

Esquerra Unida convoca a súa coordinadora nacional ante a urxencia electoral e a falta de acordos para formalizar unha coalición

  • Esquerda Unida, descarta categoricamente a súa integración no Movemento Sumar e lembra que a organización segue defendendo a necesidade de chegar a un acordo de coalición.
Esquerra Unida convoca a súa coordinadora nacional ante a urxencia electoral e a falta de acordos para formalizar unha coalición

Esquerda Unida convocou a Coordinadora Nacional, máximo órgano de dirección, coa urxencia dunha convocatoria electoral inminente e a falta de acordos firmes con Movemento Sumar para a conformación dunha coalición electoral a nivel galego.

Ante as novas aparecidas en varios medios de comunicación sobre a integración de Esquerda Unida na candidatura de ‘Movemento Sumar», a Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, descarta categoricamente esa afirmación e lembra que a organización segue defendendo a necesidade de chegar a un acordo de coalición no que teñan cabida as principais sensibilidades políticas da esquerda federalista.

Esquerda Unida lembra que as eleccións autonómicas previstas para este 2024, deberan ser o punto de inflexión dun país que leva décadas sumido na destrución do sistema público, da industria e dos sectores primarios. Esquerda Unida urxe unha vez máis unha alternativa política que aglutine as forzas de esquerda, polo que a Coordinadora Nacional, á falta de propostas concretas por parte de Movemento Sumar, comeza a traballar na preparación da súa propia candidatura de cara ás vindeiras autonómicas, deixando a porta aberta a posibles acordos e apelando á responsabilidade dos outros partidos para acadalos.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, trasladaba á fin da reunión do órgano de hoxe: “temos que pasar das palabras aos feitos, o tempo apremia e non debemos demorar a contrución dunha alternativa política en Galicia, esta organización ten toda a vontade de aglutinar forzas, pero se esa realidade non se materializa, Esquerda Unida estará preparada para presentar a súa proposta política ante a sociedade galega”.


elecciones gallegas /