Redacción •  Galicia •  16/12/2024

“Altri Non”: 100.000 persoas ateigan Compostela para demostrarlle a Rueda que “A Xunta non pode calar todo un País”

O berro de “Altri Non” foi un clamor que se espallou por toda a capital de Galiza contra o proxecto de macrocelulosa.

“Altri Non”: 100.000 persoas ateigan Compostela para demostrarlle a Rueda que “A Xunta non pode calar todo un País”

Milleiros de persoas, arredor de 100.000, chegadas de todos os recunchos de Galiza colpasaron as rúas de Compostela para berrar ao unísono “Altri Non”. Un clamor, que lembrou á máis multitudinaria das manifestacións convocadas por Nunca Máis, contra a instalación da pasteira defendida polo goberno de Rueda e rexeitada polas galegas e galegos que quixeron deixar claro que “A Xunta non pode calar todo un país”.

O acto rematou na Praza do Obradoiro que apenas puido acoller á morea de mulleres, homes, crianzas, familias, maiores e mozas que acudiron a manifestar a súa repulsa á celulosa polo perigo que supón para o tecido económico e social, mais tamén para a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla e os sectores do mar que viven da ría da Arousa. Sectores que están directamente afectados por este proxecto que ameaza o seu futuro pero que non son os únicos.

Este proxecto afecta ao conxunto de Galiza, a instalación desta macrocelulosa implica mudar o modelo de país e por tanto afecta a todas as galegas e galegos que, con esta enorme mobilización demostraron que nin a Xunta, nin o PP os van facer calar.

Leti da Taberna e Lois Pérez conduciron o acto que contou coa actuación de grupos como Coro do Encaixe ou As músicas da Ulloa poñendo música a unha protesta masiva que concluíu coa lectura do manifesto que de seguido reproducimos:

MANIFESTO

Hai un ano recibíamos a noticia, Altri é unha sombra que sobrevoa a terra do medio, e pretende botar raíces nas nosas comarcas como unha mala herba e chuchar a nosa auga e verter a súa merda ao río e á atmosfera de por vida -75 anos-.

O proceso administrativo para captar as augas e verter a merda comezaba. Na Xunta estaban seguros que tiñan todo ben atado e os feixes de cartos repartidos, neste conto os beneficiados son unha minoría de privilexiados que queren botarnos do noso territorio.

A partir de decembro, cando sae publicada a solicitude para captar a auga e facer a vertedura, comezamos o camiño de resistencia, camiñabamos convencidas de que isto iámolo parar. A cada mes que pasaba, eramos mais as voces que berrabamos contra o proxecto de Altri-Greenalia. Sumábanse máis colectivos e formábanse máis grupos de apoio.

O resultado foron 23000 alegacións presentadas facendo fronte á barbarie, o pobo berraba alto Altri non, pero aos políticos da Xunta pouco lles importaba, a súa resposta foi unha campaña mediática para intentar lavarlle a cara ao proxecto.

O Consello da Cultura Galega respaldou recentemente os perigos que apuntamos nos últimos meses: Altri suporía unha ameaza medioambiental para o territorio galego, a nosa paisaxe perdería a súa riqueza co monocultivo de eucalipto e sentenciarían ao Ulla e á ría de Arousa. As nosas vidas, na terra do medio e na ría de Arousa, estarían ameazadas pola posible destrución da economía previa, condenando ao sector primario e ao sector servizos relacionado co Camiño de Santiago: un modo de vida que está funcionando e fixando poboación no rural.

Hai case que dous meses que o PP botou abaixo a I.L.P. para declarar de interese xeral ao sector tradicional do mar, mais non teñen reparos en declarar proxectos estratéxicos a ALTRI ou á mina de Touro, porque non queren que esteamos en pe de igualdade con eles, para así poder explotar os nosos recursos despregando unha estratexia de extractivismo colonial.

Queren impulsar industrias de enclave que se levan a nosa riqueza para fóra deixando ao seu paso un deserto contaminado no que é imposible manter a nosa forma de vida baseada na agro-gandería, nos cultivos marisqueiros e no turismo sostible.

Queren mudar o noso modelo produtivo que reparte riqueza, que fixa poboación, que é sostible e nos garante a soberanía alimentar. Pero somos fillas dunha paisaxe que nos alimenta, que é o noso fogar, somos irmáns da terra, a auga e o aire e non consentiremos que nos expulsen acabando coa nosa paisaxe e os nosos recursos.

Nas últimas semanas chegáronnos requirimentos, ás casas das persoas e dos colectivos que alegamos contra o proxecto Gamma, para afastarnos do proceso de alegacións, para intentar deslexitimar e anular os nosos dereitos cidadás.

Que non perdan o tempo! Nin nos van calar, nin nos dan medo!

Señores da Xunta:

Estannos dicindo que destinar millóns de euros das arcas públicas non afecta directamente aos nosos intereses como cidadás? Porqué non destinan eses cartos a sanear as rías ou rexenerar os bancos marisqueiros?

Estannos dicindo que contaminar a auga do río Ulla non afecta á calidade da auga potable que bebemos 145.000 veciños?

Estannos dicindo que a contaminación do río Ulla non vai chegar en 24 horas á ría de Arousa?

Estannos dicindo que somos parvos e que non vemos que isto vai de espoliar os recursos naturais de Galiza para que empresas foráneas se lucren a conta dos nosos intereses como galegos e galegas?

ALTRI é un proxecto contrario á creación de emprego digno, a sustentabilidade económica e social porque atenta contra todos os sectores económicos e produtivos do mar e do agro que xeramos riqueza social.

O berro de Altri Non, será cada vez máis forte porque defendemos a nosa dignidade e o noso dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Levamos un ano xuntándonos e festexando que non somos unha poboación morta, que temos un sistema nutrido económico e socialmente, que non somos terra de sacrificio. A lexitimidade está da nosa parte, da parte do pobo. Ningunha mordaza nas nosas bocas. Todas xuntas, porque esta loita berrará sempre : ALTRI NON


Altri /