Ana Pontón pide a Rueda que escoite a “marea de dignidade” que lle di si a Galiza e non a Altri
Insta ao PP a deixar de facer de comercial da multinacional e pare a macrocelulosa, logo dunha mobilización cidadá á altura da de Nunca Máis.
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao titular da Xunta, Alfonso Rueda que escoite a “marea de dignidade” que se mobilizou en Santiago para dicirlle “alto e claro ao Partido Popular Galiza, si; Altri, non” e que pare a “bomba ambiental” desta macrocelulosa contaminante que “é unha hipoteca para o futuro do País”.
Así o reclamou nunha mobilización que cualificou de “histórica”, cunha participación á altura da macromanifestación de Nunca Máis logo do Prestige, con arredor de 100.000 persoas, e na que participou xunto a unha nutrida representación do BNG integrada por alcaldes e alcaldesas, deputados e deputadas, tanto no Parlamento galego como no Congreso e no Senado, responsables políticos e militancia de base.
Pontón salientou a participación de miles e miles de galegos e galegas que hoxe lle dixeron ao PP na manifestación convocada polas plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa que non queren que lles poñan “no corazón do rural” unha macrocelulosa contaminante que pon en risco, advertiu, “8.000 empregos non só na comarca da Ulloa e Arzúa, senón tamén na ría de Arousa”.
A portavoz nacional indicou que Galiza ten moitos retos por diante, pero que a forma de enfrentalos “non pode ser cun modelo industrial do século XX” cun proxecto “megacontaminante” que “non queren en Portugal” e que vai supoñer a “destrución dunha parte importante do territorio galego, a de miles de empregos e a de todo un modo de vida”, o da xente do rural e do mar.
“Todo porque temos a un Goberno do Partido Popular e a un presidente da Xunta que están actuando de comerciais dunha multinacional, poñendo en risco os intereses desta empresa por riba de Galiza”, denunciou.
Pontón salientou a histórica participación nunha manifestación na que a cidadanía dixo claramente que quere “vida e futuro” e non que lle poñan no corazón do rural unha macrocelulosa “que non quere Portugal”.
“Pedímoslle ao señor Rueda que escoite aos miles e miles de galegos e galegas que lle están pedindo que deixe de ser o comercial de Altri e que se pare esta agresión, esta bomba ambiental que é unha hipoteca para o futuro de Galiza”, reclamou a líder nacionalista, quen criticou a un Executivo do PP que, na vez de ser un goberno responsable e acompañar á cidadanía nas súas reivindicacións, “está entregado ás grandes multinacionais”, empeñado en “querer hipotecar o futuro do País”.
“Hoxe estou moi orgullosa, como portavoz do BNG, de que esteamos aquí, coa xente de Galiza, dicindo que queremos vida, que queremos futuro e que por iso dicimos Altri, non”, concluíu.