Pensionistas e xubiladas da CIG concéntranse nas oficinas do INSS das sete cidades contra a exclusión dixital
Representaron as colas que teñen que facer para conseguir atención presencial e as dificultades que atopan.
Pensionistas e xubiladas/os da CIG concentráronse esta mañá diante das oficinas do INSS das sete cidades galegas para denunciar a súa exclusión dixital. Nos distintos actos de protesta simularon, cunha representación, as dificultades que atopan para conseguir contactar co organismo e as colas que teñen que facer para poder arranxar trámites tan importantes como mesmo solicitar a pensión por xubilación.
As mobilizacións insírense na campaña que arrincou o mes pasado na que, xunto coas mobilizacións, están recollendo sinaturas para entregar na Valedora do Pobo en demanda de que se eliminen as barreiras de acceso a servizos públicos tan básicos como a sanidade ou ao propio INNS, para tramitar todo o relativo as súas pensións.
Fenda dixital
O colectivo denunciou que por mor da agresiva dixitalización na que o capitalismo ten inmersa a sociedade, no seu descontrolado afán por xerar beneficios a custo do que sexa, tense estabelecido unha cada día maior fenda dixital. Fenda que, denunciaron, “está levando a algúns colectivos e, nomeadamente, ao colectivo de persoas maiores, a unha nova situación de desigualdade e vulnerabilidade que pode provocar, mesmo, a súa exclusión social”.
Lembraron que coa pandemia como escusa, desde o ano 2020 este proceso de dixitalización tense acrecentado a un ritmo sen precedentes, sobre todo en ámbitos onde até hai pouco tempo a atención presencial era maioritaria ou mesmo a única.
Administración electrónica obrigatoria
Nese sentido denunciaron que realizar trámites de xeito electrónico na relación coa Administración Pública en numerosos sectores é xa obrigatorio e que non hai posibilidade de facelos de xeito presencial, en moitos casos. Manifestaron ademais o seu rexeitamento á imposición da teleasistencia na sanidade ou nos servizos á dependencia, sobre todo, para acceder a unha cita médica ou simplemente preguntar unha información. “Moitas veces é imposíbel facelo falando cunha persoa real, obrigándonos a facelo a través de robots e contestadores automáticos”.
Do mesmo xeito, rexeitaron a restrición do acceso físico a moitas oficinas e centros -tanto da administración como sanitarios, ou privados mais de uso imprescindíbel como no caso das oficinas bancarias-. “Estase restrinxindo, cando non impedindo, o acceso de moitas persoas a servizos necesarios e imprescindíbeis para a vida”, subliñaron.
Por iso, o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG denunciou estas novas barreiras no acceso a servizos tan básicos como a sanidade ou a tramitación das nosas pensións, que supoñen, en moitos casos, a exclusión dixital dunha vida digna para moitas galegas e galegos.
Servizos co acceso restrinxido por mor da dixitalización
Así foron citando os distintos servizos restrinxidos por mor da dixitalización, como as oficinas da Seguridade Social, onde se celebraban precisamente as concentracións, lembrando que desde marzo de 2020, data de inicio da pandemia, a Seguridade Social eliminou a posibilidade de acceder libremente a unha oficina para calquera tipo de trámite. “Ou o fas de xeito telemático, ou pides unha cita previa que, nos mellores dos casos, pode tardar máis de 15 días. Iso cando a consegues, porque son moitas as persoas que, malia intentalo unha e outra vez, non conseguen cita na súa oficina. De aí que teñan que recorrer a pedila nunha oficina doutra localidade, co que, ademais dos problemas xa comentados, engádese a obriga de desprazamento”, explicaron.
Xunto a isto denunciaron o colapso que padecen as oficinas da Seguridade Social, que atribuíron, entre outros motivos, á escaseza de persoal. Un problema que, alertaron, que desde o goberno pretenden arranxar limitando o tempo de atención, é dicir, aumentando a restrición no acceso. “Hai que ter en conta que é nesas oficinas onde precisamente se tramita todo o relacionado coas nosas pensións”, manifestaron.
Administracións galega, estatal e local
Esta problemática no acceso á Administración Pública non se está a dar só nas oficinas da Seguridade Social, senón que practicamente todas as administracións teñen restrinxido a atención presencial. “Só se pode acceder mediante cita previa, e, en moitos casos, para conseguir esa cita hai que falar cunha intelixencia artificial que moitas veces nin entende a nosa lingua, nin a vocalización e timbre de voz das persoas de certa idade”, explicaron. “Isto acontece cando queremos facer trámites como rexistrar algún escrito, presentar algunha solicitude ou algunha queixa, pedir información… xa sexa na administración galega, na estatal e mesmo tamén na local”.
Con todo, sinalaron que aínda que a Xunta vén de anunciar a retirada do requisito de cita previa, “se isto non vai acompañado doutras medidas como incremento de persoal, a posibilidade dunha atención presencial de calidade vese diminuída”.
Sanidade
O colectivo de pensionistas e xubiladas/os manifestou especial preocupación co desmantelamento e privatización programados polo PP para a Sanidade Pública que ten provocado unha diminución da calidade da atención desde hai uns anos.
Tamén neste servizo público lembraron que a irrupción da pandemia supuxo, en moitos casos, a imposibilidade de acceder a unha atención sanitaria mínima, cara a cara con profesionais. “Se xa antes da pandemia conseguir cita pasaba por falar cun robot ou tramitala desde un aparello electrónico, sen moita posibilidade de facelo falando cunha persoa real, desde o ano 2020 chegaron tamén as consultas telefónicas, e recentemente mesmo as consultas por videochamada, como se unha exploración médica se puidese facer a través dunha pantalla”, denunciaron.
Medidas postas en marcha polo goberno de Feixó e Rueda, derivadas da falta de persoal e das políticas destrutivas do PP, que aseguraron que “incrementan a exclusión das persoas maiores da atención sanitaria”.
Atención bancaria
A situación repítese, como veñen denunciando desde hai tempo, nas entidades financeiras. “A dixitalización na banca, e o afán de ganancias que fai que se traslade a carga de traballo das oficinas á clientela, levou á redución de horarios de atención presencial nas oficinas, e mesmo ao peche dalgunhas delas coa conseguinte perda de postos de traballo”, afirmaron nas distintas concentracións.
“Como pensionistas, estamos na obriga de ter conta bancaria para poder cobrar as nosas pensións”, subliñaron, “cos nosos cartos, a banca especula e obtén beneficios, mais para nós, todo son trabas. Acceder a día de hoxe a realizar algún trámite bancario supón armarse de paciencia, perder un montón de tempo pelexando coas máquinas e, se non hai sorte, igual ata acabar contratando unha xestoría. Iso si, as comisións abusivas das entidades bancarias si que nolas cargan na conta”.
Por iso concluíron que non van consentir “que nos deixen fóra” e proclamaron que “somos maiores, mais temos dereitos”.