Carrefour Lugo xa ten máis persoal indefinido, agora en froitería e na liña de caixas

Carrefour Lugo segue transformando contratos temporais en indefinidos tras as denuncias presentadas polas delegadas e delegados da CIG neste centro de traballo. O pasado 27 de febreiro, a presidenta do comité acudiu ás oficinas da Inspección de Traballo de Lugo para denunciar, unha vez máis, as prácticas ilegais de contratación nesta empresa.
Grazas á acción persistente e sostida da representación da CIG neste centro de traballo, aos poucos, Carrefour Lugo está procedendo a regularizar os contratos dos seus traballadores e traballadoras, transformando en indefinido a persoal con contratos temporais que cobre postos estruturais. Unha fraude na contratación que ten maior incidencia nas seccións de frescos e na liña de caixas.
A CIG seguirá denunciando todos estes abusos “que buscan manter a precarización laboral dun sector, o da alimentación, moi feminizado con altos índices en canto a temporalidade, parcialidade e xornadas irregulares sen abono de domingos nin festivos”. “Hoxe Carrefour Lugo ten máis traballadoras e traballadores indefinidos porque a CIG denunciou esta situación e a acción inspectora obrigou a regularizalos”.