Redacción •  Galicia •  17/07/2021

O BNG propón unha reunión coa veciñanza e o comercio afectado diante dos precipitados cambios no tráfico

  • As nacionalistas piden que o alcalde informe e escoite aos grupos e ás veciñas directamente afectadas e deteña o plan mentres non se estuden, analicen e corrixan os erros.
  • O BNG advirte que ao goberno local que non conta co apoio de boa parte do comercio e da veciñanza a unha media que presentou como humanización pero que só atende a unha idea: meter aparcadoiros próximos ao centro.
  • Leopoldo Rodríguez, portavoz nacionalista en Celanova, advirte diante de situacións inxustas como a que sufre un negocio de alimentación que se ve convertido “nunha rotonda” pola mala planificación e as présas do goberno local.
O BNG propón unha reunión coa veciñanza e o comercio afectado diante dos precipitados cambios no tráfico

“Que tipo de humanización é esta que non atende en primeiro lugar ás demandas e necesidades de mobilidade da veciñanza?”, pregúntase o portavoz do BNG en Celanova, Leopoldo Rodríguez. “Que tipo de medida pretenden facer pasar por unha humanización cando a única idea é levar os coches o máis cerca posíbel do centro, aínda que sexa a costa de intensificar o tráfico rodado por rúas sen beirarrúas?”.

O BNG de Celanova solicita que o alcalde convoque inmediatamente aos grupos da corporación e a veciñanza, comercio e hostalaría directamente afectados polos cambios do tráfico e usos nas rúas da contorna da Praza Maior.

O BNG pediu por rexistro hai unha semana os expedientes municipais das obras e contratos de arrendamento de fincas para o aparcadoiro de vehículos, así como o estudo municipal encargado a unha empresa privada en decembro pasado, e os informes do arquitecto municipal e da policía local que fan parte do expediente do que se presentou como Proxecto de humanización do casco histórico para fomento do turismo. Documentos que o BNG non recibiu nin foi informado.

O BNG advirte ademais ao goberno municipal que tanto o proxecto –pensado desde o mesmo encargo desde a óptica da turistificación e de favorecer o acceso do vehículo privado ao centro– como a súa aplicación precipitada está a producir un malestar evidente entre a veciñanza e un sector do comercio da vila.

As nacionalistas lembran que a maioría dos comerciantes agrupados en Celanova Chea se manifestaron contrarios ao proxecto nunha enquisa realizada pola asociación o mes pasado que deu como resultado un 54% de votos contrarios á medida. A pregunta realizada pola directiva aos socios evidencia a alarmante falta de información a un colectivo clave de afectados. Celanova Chea preguntou aos seus asociados nos seguintes termos: “Estas de acordo coas medidas de peonalización e cambio de sentido das rúas publicado polo concello na prensa?”.

“É unha vergonza que nin os grupos, especialmente o BNG, que leva meses, xa desde antes da pandemia, facendo chamamentos a un gran debate sobre o uso do espazo público, nin as veciñas e veciños nin o comercio tan sensíbel este tipo de intervencións teñan recibido información ningunha do concello”, lamenta Leopoldo Rodríguez. “Aínda estamos a tempo de poñer freo á desfeita e evitar algunhas inxustizas e danos graves contra a viabilidade dalgún negocio que están a piques de se producir”.

O concelleiro e portavoz do BNG sinala en concreto o caso dun negocio de alimentación na estrada da Obra pola que está previsto que entren e salgan do aparcadoiro os coches, que queda convertido “nunha rotonda”. Os propietarios quéixanse das dificultades para continuar realizando tarefas de carga e descarga, continuadas e imprescindíbeis para o funcionamento do negocio, así como do obstáculo que suporá o aumento do tráfico rodado no acceso tanto o despacho público como ao garaxe do negocio.

Segundo fontes do colectivo de comerciantes, as respostas que recibiron a día de hoxe desde o concellos foron dúas: que fagan a carga e descarga “máis rápido”, e trasladar as tarefas de carga e descarga “a outra rúa”.


política local /