O PP da Merca sobe as taxas da auga nun 75% e o saneamento e o ximnasio, por riba do 60%
O BNG opúxose no pleno a este incremento de taxas que non fai máis que prexudicar ás familias máis desfavorecidas e non ofrece mellora ningunha destes servizos.
A Merca, 17 de outubro de 2022. No pleno do pasado 10 de outubro o grupo de goberno do concello da Merca aprobou o incremento do prezo da auga, co que nos próximo meses as veciñas da Merca verán incrementada a factura da auga, un ben básico, ao igual que a taxa de saneamento.
O poder adquisitivo das veciñas e veciños baixará aínda máis, despois do incremento de prezos de produtos básicos dos últimos meses.
O BNG pregúntase até onde vai chegar a hipocrisía do Partido Popular, que pide baixar os impostos en Madrid e ao mesmo tempo sobe as taxas de servizos básicos como a auga ou o ximnasio no concello da Merca.
Unha casa que no anterior recibo pagase 13€ polo consumo da auga pasará a pagar 24€, un incremento do 75% no pago da auga. Para esa mesma casa, a taxa de saneamento pasará dos 10€ a 16€, un incremento do 60%. No computo total, esa veciña terá que lle pagar ao concello da Merca 17€ máis en cada recibo a pesar de estar nos últimos anos sen servizo durante meses e sen lle ter feito desconto polo servizo pésimo nesa tempada.
A maiores, as poucas veciñas usuarias do ximnasio verán incrementadas as taxas, que pasa de ter un prezo de 15€ ao mes a 25€, un aumento do 66% cando non hai melloras no servizos e só se mantén o horario de tarde.
A Concelleira do BNG, Teresa Garrido votou no pleno en contra de todos estes incrementos, pois o Concello da Merca non pode incrementar os prezos destes servizos básicos despois de anos con cortes durante meses nos que non houbo ningún tipo de desconto no recibo a pesar de non ter servizo.