Redacción •  Galicia •  17/10/2023

Comunicado da Executiva Nacional do BNG ante o anuncio de Israel dun inminente ataque masivo a Gaza

O compromiso histórico do nacionalismo galego coa Paz é incuestionábel e a nosa aposta pola resolución pacífica mediante a vía diplomática dos conflitos é inequívoca.

Comunicado da Executiva Nacional do BNG ante o anuncio de Israel dun inminente ataque masivo a Gaza

17/OUT./23.

Ante os últimos acontecementos na franxa de Gaza, a Executiva Nacional do BNG, reunida en Compostela o 16 de outubro de 2023, quere trasladar que:

  1. O Bloque Nacionalista Galego rexeita as consecuencias da recente escalada de violencia no conflito entre Israel e Palestina que xa ten provocado un altísimo custo en vidas humanas. Lamentamos profundamente todas as vítimas civís palestinas, israelís e de outras nacionalidades que se teñen producido.
     
  2. O BNG condena enérxica e categoricamente o ataque masivo que o goberno de Israel vén de ordenar contra a franxa de Gaza e solicita á comunidade internacional que se mobilice para que se evite un xenocidio. Trátase dun ataque indiscriminado e dunha brutalidade extrema que vulnera claramente o dereito internacional. Os bombardeos masivos, os cortes de subministros básicos como a luz, a auga potábel ou alimentos e medicamentos, en ningún caso poden ser entendidos como mecanismos de “lexítima defensa”. Son elementos dunha política de asedio xenocida que agravan a xa de por si durísima situación provocada polo bloqueo imposto á franxa de Gaza desde 2007 e que levaría á ONU a considerar as condicións nese territorio como “impropias para sustentar vida humana”. Máis de dous millóns de seres humanos, que xa malvivían confinados en 365 km cadrados (extensión similar á do Concello de Vilalba) nunhas condicións económicas e sociais absolutamente deplorábeis, agora fano nunhas condicións infrahumanas e con serio risco de perder as súas vidas, como xa lle aconteceu a máis de 800 nenos e nenas palestinas asasinadas desde o pasado 7 de outubro.
     
  3. Vivimos unha nova escalada nun vello conflito. Palestina sofre 75 anos de brutal ocupación baixo un sistema de auténtico apartheid, no que Israel incumpriu de forma reiterada as resolucións da ONU (tanto da súa Asemblea Xeral como do seu  Consello de Seguridade). Ao longo destas décadas Israel, non só impediu a existencia dun Estado palestino senón que ocupou os seus territorios (aproximadamente o 70% do territorio palestino desde 1948) mediante asentamentos de colonos (declarados ilegais segundo a resolución 2334 do Consello de Seguridade da ONU), someteu a súa poboación a todo tipo de vexacións e maltratos, asasinou a dirixentes palestinos, meteu na cárcere a centos de persoas de xeito extraxudicial, levantou un muro da vergoña (declarado tamén ilegal), lanzou ataques que se saldaron con milleiros de persoas mortas e feridas e impuxo un brutal bloqueo á franxa de Gaza.
     
  4. Para o BNG a absoluta prioridade neste momento pasa polo inmediato cese dos   ataques ordenados polo goberno israelí contra a franxa de Gaza, a urxente apertura de corredores humanitarios seguros para poder asistir á poboación palestina e iniciar un proceso de negociación política con respaldo internacional para buscar unha saída pacífica e xusta a este conflito baseada no cumprimento das resolucións de Nacións Unidas ao respecto.
     
  5. O compromiso histórico do nacionalismo galego coa Paz é incuestionábel e a nosa aposta pola resolución pacífica mediante a vía diplomática dos conflitos é inequívoca. Por ese motivo, esiximos á comunidade internacional que faga cumprir a Israel as distintas resolucións sobre os territorios ocupados que de xeito sistemático vén incumprindo (sen ningunha consecuencia) e garantir o dereito do pobo palestino a dispor do seu propio Estado libre e soberano, así como a efectivización do dereito ao retorno das e dos refuxiados palestinos ao seu país. Facemos un chamado específico á Organización de Nacións Unidas (ONU) para que deixe de mirar cara a outro lado mentres se perpetra un auténtico xenocidio, interveña e faga cumprir as múltiples resolucións adoptadas no seu seo e active os mecanismos precisos para sancionar a Israel polas súas flagrantes vulneracións dos dereitos humanos. Ao tempo, instamos a que as autoridades competentes tramiten a petición de xulgamento ao goberno de Netanyahu no Tribunal Penal Internacional da Haya por delitos de lesa humanidade.
     
  6. Censuramos a posición que a Unión Europea está a manter neste conflito e moi especialmente a visita de Úrsula von der Leyen a Tel Avid en que, en vez de esixir ao estado de Israel o cesamento inmediato da ofensiva de aniquilación en Gaza e o cumprimento da legalidade internacional, comprometeu o apoio incondicional da Unión Europea ao goberno israelí nunha nova mostra da falta de autonomía funcional en materia de política exterior por parte da UE e dun funcionamento ao ditado dos intereses dos EUA.
     
  7. Esixímoslle ao Goberno español que abandone as posicións equidistantes e que condene con rotundidade a actuación de Israel e mesmo rompa relacións diplomáticas con este estado en caso de non cesar na súa política xenocida. Así mesmo instamos ao goberno español a asumir as súas responsabilidade como presidente de quenda dunha Unión Europea para liderar unha posición de defensa dunha desescalada no conflito e de busca activa dunha saída negociada ao mesmo, baseada no cumprimento da legalidade internacional e as resolucións da ONU.
     
  8. Solicitamos (mediante diferentes iniciativas xa formalizadas) á Xunta de Galiza, ao Goberno de España e á Unión Europa o aumento significativo da axuda humanitaria, económica e social con destino á poboación palestina.
     
  9. Denunciamos a involución democrática que se está a vivir en Europa a respecto da prohibición en diferentes estados de manifestacións en apoio ao pobo palestino, portar bandeiras deste país ou levar prendas de roupa como a keffiyeh (“palestinas”), a retirada dun premio na Feira do Libro de Frankfurt a unha escritora polo feito de ser de nacionalidade palestina ou o chamado á censura de comentarios en redes sociais en defensa dos dereitos do pobo palestino. Solidarizámonos con todas as persoas que teñen sido reprimidas e sancionadas por este motivo en diferentes partes de Europa.
     
  10. Facemos un chamado ao conxunto de sociedade galega a participar en todas as  mobilizacións que se poidan producir na Galiza para denunciar a situación que se vive en Palestina e  reivindicar a necesidade dunha saída pacífica e negociada a este conflito baseada no cumprimento das resolucións da ONU ao respecto.

BNG /