Redacción •  Galicia •  17/11/2024

A Axencia de Turismo adxudicou 66 contratos a dedo por máis de 800.000 euros a unha empresa vinculada a altos cargos do PP

  • Bará asegura que malia os vetos impostos na comisión de investigación, o BNG irá ata o final para destapar os “chanchullos” do PP durante 15 anos.
  • O Bloque pide ao Goberno de Rueda que rinda contas no Parlamento sobre outro caso de trato de favor que apunta a Nava Castro e Emilio de la Iglesia.
A Axencia de Turismo adxudicou 66 contratos a dedo por máis de 800.000 euros a unha empresa vinculada a altos cargos do PP

O viceportavoz parlamentario do BNG e membro da comisión de investigación sobre os contratos baixo sospeita da  Xunta, Luís Bará, denunciou un novo caso de “trato de favor” e “nepotismo” nas adxudicacións a empresas relacionadas con altos cargos do PP. Trátase da adxudicación “ a dedo” entre os anos 2018 e 2023 dun total de 87 contratos por valor de case un millón de euros á empresa Dos Espacios Internet Consulting SL, na que actualmente traballa un irmán da ex directora da Axencia de Turismo de Galiza e actualmente alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.

É precisamente da Axencia de Turismo de onde saíron, baixo a dirección de Castro, a maior parte dos contratos con esta empresa de consultoría e comunicación. En total, 66 adxudicacións por valor de 816.000 euros, cunha media por contrato de 12.300 €, nas que tivo tamén unha “participación clave” Emilio de la Iglesia, entón xerente da axencia e “recompensado posteriormente” co posto director xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

“Tanto o nomeamento de Nava Castro como o de Emilio de la Iglesia son responsabilidade directa de Rueda”, apuntou o deputado nacionalista, lembrando que estes dous cargos son “persoas da máxima confianza” e forman parte do “círculo de colaboradores máis directos” do xefe do Executivo galego, que é presidente do consello reitor da Axencia Galega de Turismo.  

Bará anunciou que o Bloque vai pedir a comparecencia no Parlamento do actual director desta axencia, Xosé Merelles, o do propio Emilio de la Iglesia para que dean explicacións polo que considerou un exemplo “especialmente escandaloso” de “como se drenan unha grande cantidade de recursos públicos a empresas amigas do PP” que teñen un “acceso privilexiado” ás contratacións públicas.

Entre os “datos sospeitosos” aos que aludiu Bará  figura que todos os contratos de Turismo con Dos Espacios Internet Consulting SL teñen a duración de execución fixada nun mes, e todos teñen ademais un importe por debaixo dos 18.000 euros, que é o tope fixado para os contratos menores. Denunciou ademais que na lista de adxudicacións “queda claro” que hai unha “fragmentación” dalgúns contratos que, tendo o mesmo obxecto, poden ser así considerados menores e polo tanto ser escollida a adxudicataria a dedo, sen ter que ir a un procedemento aberto a outras empresas, co conseguinte prexuízo que iso supón para o conxunto das pemes do País, que se ven así excluídas por puro nepotismo.

Actividade frenética en Noiteboa e Fin de Ano

As datas que figuran na web de contratos menores da Xunta son cando menos “chamativas”. De feito, en Noiteboa de 2021 rexístrase unha “actividade frenética” con esta empresa, coa adxudicación a dedo de 7 contratos por importe de 115.585,5 euros.

O mesmo sucede en vésperas de fin de ano de 2022, de tal xeito que entre o 29 e o 30 de decembro de 2022, Dos Espacios Internet Consulting SL recibe un total de 9 contratos a dedo, por importe de 96.951 €.

E tamén resultan extraordinariamente sorprendentes os importes que moitas veces se repiten até o último decimal, pese a que o obxecto do contrato sexa totalmente diferente. É o caso, por exemplo, de catro contratos -tres deles consecutivos- todos por importe de 17.545 euros; outros castro -de novo tres consecutivos- por importe de 11.737 €; dous contratos consecutivos por valor de 16.788,75 €; outros dous seguidos por importe de 17.968,50 €. Distinto obxecto de contrato, pero idéntico importe.

Igualmente é “moi sospeitoso” que o 30 de decembro de 2022 se adxudique un contrato para actuacións que, supostamente, se fixeron ao longo dese ano, dixo en relación a unha das adxudicacións que ten por obxecto a “coordinación, organización, reunións BIC Plan Nacional 2021”.

“Parece que, na parte final do ano, habendo cartos para gastar, búscase unha empresa de confianza para adxudicar contratos que non sabemos se se chegaron a executar realmente e entre os que, en todo caso, hai cantidade de duplicidades no obxecto da adxudicación, que moitas veces é practicamente idéntico, casos claros de fragmentación”, precisou.

Vínculos familiares

Afondando máis na denuncia do BNG sobre este novo “entramado de adxudicacións”, Bará engadiu que xa como alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro contratou á mesma empresa, “á que lle pagou a finais de 2023 unha factura de dez mil euros por uns traballos de coordinación e organización dun evento que non se chegou a celebrar”, tal e como ten denunciado o BNG no concello.

“E non acaba aquí a cousa”, continuou Bará, explicando que un dos irmáns da ex directora de Turismo, Antonio Castro Domínguez, traballa actualmente en Dos Espacios Internet Consultin SL. Dáse a circunstancia, de que este irmán de Nava Castro é propietario dunha empresa que comparte sede en Madrid con Dos Espacios Internet Consultin SL. “Está claro o vínculo, a relación e os intereses comúns que se dan, neste caso, entre a familia Castro e esta empresa”, aseverou.   

É por todo iso que o BNG pedirá ao Goberno de Rueda que dea explicacións no Parlamento, onde tamén solicitará en base ao artigo 9 toda a documentación relacionada con estes contratos co obxectivo de que os galegos e as galegas saiban “toda a verdade” sobre os “chanchullos” nas adxudicacións da Xunta.

“Por moito que o intenten o PP non vai conseguir parar e impedir que o BNG faga o seu traballo e descubra todos e cada un dos chanchullos, das irregularidades e das trapalladas na tramitación de contratos para beneficiar a empresas amigas. Imos facelo dentro ou fora da Comisión”, advertiu o deputado nacionalista criticando máis unha vez os vetos impostos polo PP á comisión de investigación para que non comparezan, entre outros, o ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, a súa irmá Micaela Núñez como responsable de Eulen en Galiza, o seu cuñado, como directivo de Universal Support ou o compañeiro sentimental de Isabel Díaz Ayuso, como intermediario de Mappe Asesores. “Temos a sensación de que estamos só na superficie, na punta do iceberg», concluíu. 


anticorrupción /