CCOO presentou na Coruña 5000 sinaturas para esixir un pacto pola industria
- A Federación de Industria de CCOO de Galicia convocou este xoves unha concentración na Coruña para esixir un gran pacto pola industria a nivel estatal. Por esta razón, a protesta tivo lugar diante da Delegación do Goberno en Galicia, situada na coruñesa praza de Ourense.
CCOO-Industria informa de que esta acción reivindicativa foi simultánea en varios puntos do Estado e aclara que é continuación da gran manifestación que tivo lugar en Madrid a mediados do verán. A nivel estatal recolléronse máis de 50.000 apoios para este obxectivo, 5000 en Galicia.
O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, atendeu os medios de comunicación ao comezo da concentración para expoñer a situación concreta que atravesa o sector industrial en Galicia.
Así mesmo, o sindicato entregou os miles de sinaturas que recolleu para esixir este pacto pola industria, que foron recollidas pola subdelegada do Goberno, María Rivas.