Redacción •  Galicia •  18/01/2025

Sindicatos do SERGAS concéntranse diante da consellaría en demanda do cumprimento do acordo das 35 horas

  • Reclaman unha verdadeira negociación e que Sanidade presente un sistema de regulación da voluntariedade para valorar no grupo de traballo
Sindicatos do SERGAS concéntranse diante da consellaría en demanda do cumprimento do acordo das 35 horas

Delegadas e delegados das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de Sanidade concentráronse esta mañá para reclamar do SERGAS o cumprimento do acordo asinado o 20 de abril de 2023, polo que se establecía unha xornada de 35 horas para todo o persoal a partir do 1 de xaneiro deste ano e en demanda de que se presente unha proposta de regulación da voluntariedade, e non un documento pechado, para abordar unha verdadeira negociación

Un acordo que, segundo denunciou o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira,  se está incumprindo porque, “non pode haber persoal de primeira, ao que se lle aplique as 35 horas, e de segunda, ao que non se lle aplique”. A este respecto, lembrou que “era responsabilidade da Administración organizar os recursos humanos para que non haxa, en ningún caso, persoal que se vexa obrigado a facer as 35 horas”; que tiveron desde o 20 de abril de 2023 para facelo “e non o fixeron” e que este acordo “era para reducir xornada, non para que cobrásemos máis”.

O secretario nacional da CIG-Saúde apuntou que o SERGAS tiña que ter previsto contratar máis persoal naqueles casos nos que fose necesario e matizou que naquelas categorías profesionais e especialidades nas que haxa dificultades para contratar habería que buscar un sistema de organización “que en ningún caso obrigara a ninguén a facer máis as 35 horas. Un sistema de regulación da voluntariedade, como se ten feito en outros acordos e en ocasións anteriores”.

Moreira sinalou que esa regulación da voluntariedade atinxe fundamentalmente ao persoal facultativo de familia, para xornada de sábado, mais tamén a enfermería, en Atención Primaria, enfermería en Hospitalaria ou a persoal facultativo especialistas de determinadas especialidades no ámbito dos hospitais.

Para a CIG- Saúde nesa regulación ten que quedar claro que as 35 horas son a xornada ordinaria para todas as categorías profesionais e que, polo tanto debe eliminarse a obrigatoriedade da realización de xornadas por riba dese límite e debe definirse a prestación que se realiza nos sábados e que categorías teñen que realizalos.

O grupo de traballo ten que englobar a todo o persoal estatutario dos ámbitos de atención primaria, hospitalaria e entidades adscritas a Consellería de Sanidade e que teña en conta todas as categorías que se están vendo obrigadas actualmente á realización de sábados. E a negociación ten que iniciarse desde a supresión da obriga de facer sábados para todas as categorías profesionais.

Demanda de negociación

Con esta mobilización as organizacións sindicais demandaron tamén que esa regulación de voluntariedade sexa “coherente e transparente para o conxunto do sistema”. Por iso o secretario nacional de CIG-Saúde denunciou que, porén, “cada xerencia está facendo o que lle parece para dar cobertura existencial, cousas diferentes e mesmo contraditorias”.

Moreira incidiu na importancia dunha verdadeira negociación e “non, como fixo a consellaría, que nos trouxo un documento, só para Medicina de Familia, que ademais non responde as necesidades reais”. Un documento que cualificou como “simplificador”, porque “non contempla toda a realidade, non incentiva a voluntariedade e que van a utilizar como desculpa para, como non hai voluntariedade, xa ter carta branca para obrigar a superar as 35 horas”.

Ademais, fronte á afirmación do conselleiro de Sanidade, que considerou que con esta mobilización as organizacións sindicais demostraban que non querían negociar, o secretario nacional de CIG-Saúde afirmou que quen non quere negociar é a consellaría. “Presentounos un documento fechado, nun grupo de traballo no que non abriu ningunha negociación, para que o aprobáramos” e como se aprobou “deu por desconvocado ese grupo de traballo”.

De aí que as organizacións sindicais quedaran emprazadas para o vindeiro luns, para valorar a resposta ao SERGAS á súa petición dunha nova convocatoria do grupo de traballo e, en función diso, acordar novas accións porque “desde logo non imos ficar parados”.


Sindicalismo /