Redacción •  Galicia •  18/06/2022

CCOO logra a presidencia do comité de empresa da fábrica de Ence

  • Na madrugada de hoxe coñecéronse os resultados das eleccións sindicais da fábrica de Ence, despois da votación que se desenvolveu entre as 13:00 e as 23:30 horas, cunha participación histórica do 90 % do censo de técnicos e administrativos e de máis do 93 % en especialistas.
CCOO logra a presidencia do comité de empresa da fábrica de Ence

No colexio de técnicos elixíanse seis representantes: tres de CCOO (46 votos), dous de UGT (35 votos), un da CIG (26 votos). No colexio de especialistas elixíanse sete representantes: catro de CCOO (84 votos), dous da CIG (41 votos) e un da UGT (21 votos). Polo tanto CCOO consegue a maioría absoluta do comité de empresa con sete representantes, a CIG tres representantes e a UGT outros tres.

Con respecto ás anteriores eleccións sindicais, CCOO gaña dous representantes, a CIG ve reducida a súa representación en dous delegados e a UGT mantense coa mesma representación. Logo das eleccións sindicais da fábrica, dos 23 representantes dos traballadores do Grupo Ence en Pontevedra (13 da fábrica, nove das oficinas e un do viveiro de Figueirido), CCOO ten 17 (74 % da representación), a CIG tres e UGT tres.

Por primeira vez desde que se celebran eleccións sindicais na fábrica e se presentan os tres sindicatos de clase, un deles obtén maioría absoluta no comité de empresa, o que pon en valor a importancia e a transcendencia do resultado obtido por CCOO.

Despois dos avatares xudiciais da concesión e das mobilizacións desenvolvidas, a ninguén se lle escapa que estas eleccións tiñan unha especial relevancia porque servían para referendar ou retirar confianza das dúas liñas de acción desenvolvidas por CCOO e pola CIG (que contou coa complicidade total da UGT). O persoal, consciente desa relevancia, acudiu masivamente ás urnas e decidiu apoiar a liña de mobilizacións emprendidas por CCOO en defensa da permanencia en Lourizán, que contaron co inestimable apoio do persoal das oficinas, das empresas auxiliares e dos sectores loxístico e forestal.

Destas eleccións tamén estaban pendentes todas as institucións e partidos políticos que promoven o peche de Ence e a destrución dos postos de traballo; seguramente se sentirán «decepcionados» pola recuperación da normalidade sindical que supón a defensa intransixente dos postos de traballo, e pola consecuente perda de apoios dos seus aliados na empresa.

CCOO celebra os resultados polo que supón de consolidación da unidade de acción co resto do persoal propio de Ence e cos traballadores dos sectores auxiliares e indirectos, e porque nos permiten gañar forza na defensa da permanencia en Lourizán e na adscrición de Ence ao Porto de Marín.


ENCE /