Redacción •  Galicia •  18/07/2021

O comité de empresa de Vitrasa mobilízase ante os reiterados incumprimentos do convenio colectivo por parte da empresa

Denuncia que coa relaxación das restricións volven o estrés, a tensión e a ansiedade ao volante.

O comité de empresa de Vitrasa mobilízase ante os reiterados incumprimentos do convenio colectivo por parte da empresa

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, vén de anunciar que lle proporá ao cadro de persoal a convocatoria dunha serie de mobilizacións ante os reiterados incumprimentos do convenio colectivo por parte da empresa, en especial no que ten que ver co exceso de xornada, coa falta de descanso e cos atrasos salariais. Dende a representación sindical denuncian ademais que coa relaxación das restricións derivadas da pandemia volven os episodios de estrés, tensión e ansiedade ao volante.

O comité de Vitrasa lembra que aínda que a problemática derivada do exceso de xornada e da falta de descanso vén de lonxe, co estado de alarma xerado pola pandemia a situación relaxárase un pouco. “Con todo, volvemos atoparnos cun día a día que se complica cada vez máis a medida que se van retirando as medidas de restrición”.

O PERSOAL ENFRÓNTASE A HORARIOS IMPOSIBLES DE CUMPLIR E XORNADAS DE ATA 10 HORAS SEGUIDAS

Neste senso, denuncia que os condutores/as enfróntanse de novo a horarios imposibles de cumprir, a xornadas interminables que chegan até 10 horas seguidas e á falta de descanso dentro da propia xornada. “Todo isto fainos mesmo a temer nalgúns casos pola integridade física dos traballadores/as, xa que os episodios de estrés, tensión e ansiedade ao volante están a incrementarse dunha maneira exponencial, chegando a cifras de baixas laborais que xamais contemplaramos”.

INACCIÓN DA DIRECCIÓN DA EMPRESA, QUE ACTÚA CON IMPUNIDADE

Segundo sinala, a todo isto únese a inacción da nova dirección da empresa, “que unicamente se preocupa da conta de resultados e deixa en segundo plano o benestar do seu persoal e a calidade do servizo ofrecido á cidade de Vigo”.

Ao mesmo tempo, consideran que cuestións como a negociación do convenio colectivo -caducado hai máis de seis meses sen que haxa interese da empresa por negociar-, os incumprimentos das obrigacións laborais que se denuncian diante da Inspección de Traballo e seguen sen ter solución e os atrasos nas nóminas notificados polo comité de empresa ao Concello de Vigo “son claros exemplos de que a compañía actúa con total impunidade ante as súas obrigacións para cos traballadores/as e coa propia cidadanía de Vigo”.


Vigo /  Vitrasa /